O Concello de Ares convoca o concurso de debuxo infantil «Compostar en Ares mola!»

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares pon en marcha un certame creativo dirixido ao alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Infantil do CPI As Mirandas que participe nos obradoiros de reciclaxe e compostaxe deste curso 2026-2027, co obxectivo de fomentar desde a infancia valores de coidado da contorna e reciclaxe responsable.

Baixo o lema «Compostar en Ares mola!», as pequenas e pequenos artistas poderán reflectir a través da súa imaxinación situacións do día a día vinculadas á separación da materia orgánica na casa, o uso do composteiro ou a utilización axeitada do colector marrón.

Cada nena ou neno poderá presentar un único debuxo en tamaño DIN A4, con técnica totalmente libre (lapis de cores, ceras, rotuladores, acuarelas ou collage con elementos reciclados), debendo ser traballos orixinais e inéditos.

Os debuxos deberán entregarse ao titor ou titora de cada aula con data límite do vindeiro xoves, 29 de outubro, indicando no reverso o nome e apelidos, idade, categoría e centro educativo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado composto por profesorado do centro e a concelleira de Medio Ambiente outorgará como premio cadanseu lote de libros.

Esta iniciativa enmárcase na campaña municipal de compostaxe doméstica e biorresiduos, cofinanciada con fondos europeos, para construír entre todas e todos un Ares máis verde e sostible desde as idades máis temperás.

BASES CONCURSO DEBUXO en pdf

Pódeche interesar