A Biblioteca Municipal de Ares celebrou o Día das Bibliotecas cunha programación especial na que a narración oral e a literatura foron as grandes protagonistas, achegando ao público infantil e familiar momentos cheos de imaxinación, sorrisos e agarimo polos libros.
A primeira das citas tivo lugar co contacontos «O conto que fai clap», de Sonia Hermida, unha sesión lúdica e participativa incluída no circuíto da Rede Cultural da Deputación da Coruña que fixo gozar aos máis pequenos co ritmo das palabras.
A programación continuou co espectáculo «Mesón As Tres Gracias – Casa de Comidas», a cargo de Artes Escénicas – A Run Run dentro do programa «Ler conta moito», unha divertida montaxe chea de creatividade escénica que espertou a complicidade de toda a familia.
Desde o Concello de Ares e a Concellaría de Cultura agradecemos a participación da veciñanza nesta conmemoración, coa que seguimos apostando por facer da biblioteca un espazo vivo de encontro, aprendizaxe e descubrimento a través da lectura.






