A mocidade de Ares aprende a coidar a contorna: «Mola que sepAres!»

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares, a través da Concellaría de Medio Ambiente, levou a cabo no CPI As Mirandas unha xornada divulgativa e lúdica sobre reciclaxe dirixida ao alumnado de educación infantil (de 3 a 5 anos), co obxectivo de espertar desde as idades máis temperás a conciencia ecolóxica e o respecto polo noso medio natural.

A través dunha entretida ruleta de xogo e dinámicas moi visuais, as nenas e nenos aprenderon a identificar onde vai cada residuo, recoñecendo os distintos colectores e descubrindo a importancia de separar correctamente para darlle unha nova vida aos materiais.

Ademais, cada participante recibiu como agasallo unha camiseta conmemorativa baixo o lema «Mola que sepAres», lembrando que os pequenos xestos diarios son fundamentais para manter a nosa contorna limpa e coidada.

Esta iniciativa enmárcase na campaña impulsada pola Xunta de Galicia con apoio dos fondos da Unión Europea, que busca fomentar a recollida selectiva e a sustentabilidade en toda a comunidade.

Desde o Concello agradecemos a complicidade e o entusiasmo de todo o centro escolar e do seu profesorado, demostrando que aprender xogando é o mellor camiño para construír un Ares cada día máis sostible e comprometido co futuro.

Pódeche interesar