A Praza da Constitución acollerá o vindeiro sábado, 16 de maio, a segunda edición da Festa das Letras Galegas, unha iniciativa impulsada pola Comisión de Festas de San Roque coa colaboración do Concello de Ares e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A programación comezará a partir das 13:00 horas cunha sesión vermú amenizada polo grupo de gaitas Trouleada, acompañada coa venda de arroz caldoso, callos, patacas á rioxana, hamburguesas e postres caseiros. Un ambiente para pasalo ben entre veciños!
Xa pola tarde, ás 18:30 horas, terá lugar o espectáculo musical de Pakolas, cun concerto de rock infantil e familiar: o momento máis agardado polos pequenos da casa. A partir das 19:00 h. retomarase o servizo de hamburguesas e bebida para continuar coa troula.
En caso de condicións meteorolóxicas adversas, a actividade trasladarase ao Mercado Municipal de Ares.

