Esta semana vén de arrancar o proceso de instalación destes novos dispositivos polos fogares aresáns, de cara a aumentar a eficiencia da rede de abastecemento en todo o casco de Ares.
Renovaranse un total de 637 contadores, todos eles cunha antigüedade superior a 10 anos.
O concelleiro de Obras e Servizos, José Juan Vilar, vén de anunciar o inicio da renovación de contadores da auga no casco urbano de Ares, unha liña de traballo coa que se instalarán 637 contadores mecánicos novos, promovendo así unha minimización das perdas de auga na rede de abastecemento aresá.
Esta mesma semana os operarios xa comezaron coa instalación porta a porta dos contadores, retirando o dispositivo previo, de tal xeito que o Servizo Municipal de Augas poderá xestionar o abastecemento de auga potable atendendo a unha maior eficiencia, ao dispoñer de datos máis actualizados a través do novo sistema de telelectura.
Todo este proxecto implica un investimento de 56.243, 47 euros, sufragados entre Augas de Galicia (44.994,77 euros) e o Concello de Ares (11.248,70 euros), e está sendo executado pola empresa adxudicataria das obras Electricidad Permuy S.L.