A exposición Galicia en Foco mostrará en Ares unha antoloxía das mellores imaxes do fotoperiodismo galego

Comparte esta nota de prensa

A Casa da Xuventude de Ares acollerá desde o vindeiro martes, día 2 de maio, a exposición Galicia en Foco, unha antoloxía de medio cento de imaxes que se contan entre as mellores fotografías publicadas en medios de comunicación galegos durante o ano 2022.

A mostra corresponde á 31 edición do certame que convoca o Club de Prensa de Ferrol, e chega a Ares froito da colaboración co departamento municipal de Cultura.

As imaxes expostas retratan diferentes aspectos da vida en Galicia, como a cultura, os conflitos sociolaborais e as tradicións. A exposición é, polo tanto, unha crónica anual dos acontecementos e o sentir do pobo galego, capturados polos fotoperiodistas que traballan nos medios de comunicación.

A mostra tamén serve para espertar o interese do público pola obra dos fotoperiodistas, para que se coñezan os seus nomes, o seu profesionalismo e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.

A instantánea gañadora desta 31 edición foi tomada polo fotoperiodista Adra Pallón, pola serie Cinza e lume. As fotografías foron publicadas en diversos medios de comunicación como peza informativa sobre os efectos dos incendios que arrasaron Ribas de Sil.

A exposición poderá visitarse ata o 14 de maio, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.30 horas, con entrada libre e gratuíta.

Pódeche interesar