A memoria da emigración de Ares, recompilada en tres edicións facsímiles

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email
Proa ao Mar e á Terra, Cómo se llega a millonario e Campaña político-social y anticaciquil de Juvenal, esta última presentada no Ares Indiano 2022, son as tres publicacións que exemplifican o fondo compromiso do Concello co pasado do municipio.

Nestes últimos anos, o número de obras intimamente relacionadas coa divulgación da vida mariñeira e a difusión da pegada dos emigrantes aresáns na súa localidade non fixo máis que medrar. De feito, xa son tres as publicacións que orbitan arredor da memoria local recuperando a voz de figuras indianas importantes para o pasado da vila: Cómo se llega a millonario, de Miguel Bendamio, Proa ao Mar e á Terra, de Agustín Bugallo, e, por último, os textos xornalísticos de Campaña político social y anticaciquil de Juvenal -o máis recente-; tres publicacións que supoñen a materialización en texto da liña de traballo que vén a desenvolver o Concello, moi centrada en poñer en valor a historia de Ares.

De feito, o arranque desta edición de facsímiles vencéllase directamente cos propios alicerces do Ares Indiano, entendendo a celebración non só coma unha actividade lúdica, senón tamén coma un evento que axuda a propulsar iniciativas que divulgan e contextualizan o pasado do municipio.

Ante a cuestión de como é posible atopar o material orixinal que serve de base para a publicación dos textos, Alma Barrón, concelleira de Cultura, nomea un dos elementos chave: “a involucración da veciñanza é fundamental. Son eles os que achegan as obras orixinais, prestándose a que as tratemos, tamén porque co tempo poden ver que hai un traballo de recuperación sólido e importante dende o Concello feito con moito cariño”. Da man da veciñanza, xunto co esforzo municipal, está tamén a labor coordinada que se fixo co Consello da Cultura Galega para a edición do primeiro dos facsímiles.

Sexa como for, o primeiro manuscrito orixinal, Cómo se llega a millonario, chegou á institución local a través do veciño Agustín Suárez, e os seguintes grazas a Jesús Vilasánchez, precisamente pertencente a unha familia con antepasados indianos. “Aínda que foi complicado ao comezo, nós sempre consideramos que poder acceder a este tipo de obras é moi necesario; que estean nos arquivos públicos para todas as persoas que desexen consultalas”, detallou Barrón.

DA NON-FICCIÓN XORNALÍSTICA Á AUTOBIOGRAFÍA

As publicacións dispoñibles a día de hoxe parten de relatos distintos na temática e no xénero. Cómo se llega a millonario, a primeira das obras recuperadas pola área de Cultura, trátase dunha obra de ficción que afonda no proceso de mellora económica dos emigrantes con máis éxito, mais tamén na importancia de lembrar as orixes e axudar á prosperidade de Ares. Do texto de ficción pásase á autobiografía na segunda obra, Proa ao Mar e á Terra, coa experiencia persoal do indiano Agustín Bugallo en Cuba e o seu regreso á vila, incluíndo a súa descrición particular da sociedade aresá nos albores do século XX.

E a todo isto súmaselle o presentado este 2022, no seo do Ares Indiano: Campaña político-social y anticaciquil de Juvenal, unha non ficción xornalística que amosa a conciencia política e social, anticaciquil, do primeiro terzo do século XX. Mais pese ás diferentes temáticas e xéneros, coincídese sempre no mesmo factor: a súa condición de indianos que colocan enriba da mesa a fonda pegada da emigración transoceánica na sociedade do momento.

Os tres facsímiles poden consultarse na biblioteca municipal de Ares e están dispoñibles para préstamo. Coa mirada no futuro, a Concellaría de Cultura traballa xa nunha seguinte publicación, ben en formato de reedición, ben noutra edición facsimilar, que divulgue o relato persoal de Francisco Rodríguez “Canelo”, migrante en Cuba marcado polo cambio constante de oficio: carboeiro, violinista e ata libreiro alén do mar.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares contra a Violencia de Xénero

Todo o goberno local de Ares sumouse nestas datas ás reivindicacións do venres, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller;