A Oficina de Turismo de Ares atendeu a máis de 3.200 persoas na tempada de verán de 2026

Comparte esta nota de prensa

As cifras reflicten un incremento de máis dun 1,8 % no número de visitantes respecto ao verán de 2025, acadando as 3.218 persoas usuarias atendidas a través de 1.634 consultas.

Das consultas rexistradas pola oficina, o groso procedía de Galicia (948 consultas) e da Comunidade de Madrid (399), cun salientable crecemento do turismo sénior (+60 anos).

A Oficina de Información Turística (OIT) de Ares presentou esta mesma semana o balance detallado da actividade rexistrada durante o período estival, que abarcou de xeito continuado dende o 8 de xuño ata o 25 de setembro. Ao longo destes meses acadouse un total de 3.218 visitantes atendidos a través de 1.634 consultas sobre o municipio e o seu contorno.

En comparativa co ano anterior, as estatísticas certifican un crecemento superior ao 1,8 % no número total de visitantes atendidos fronte aos datos de 2025 (3.160 persoas). Por mensualidades, agosto consolidouse un ano máis como o momento de maior afluencia con 1.663 visitantes (612 consultas), seguido de xullo con 1.058 persoas (674 consultas), xuño con 262 persoas (187 consultas) e o tramo de setembro con 235 persoas (161 consultas).

No relativo á orixe dos visitantes, mantense a tendencia habitual do destino: as persoas procedentes doutras zonas de Galicia —maioritariamente de municipios da contorna como Ferrol, A Coruña ou Mugardos— encabezan o volume de atencións cun total de 948 consultas, seguidas polas chegadas da Comunidade de Madrid con 399 consultas, moitas delas vinculadas a estancias en segundas residencias da localidade. Así mesmo, constatouse a chegada de viaxeiros de Asturias, País Vasco, Andalucía, Cataluña, Castela e León e de procedencia europea.

A nivel demográfico, xunto ao perfil consolidado de parellas de mediana idade (40 a 60 anos), o informe destaca un notable crecemento dos viaxeiros maiores de 60 anos: un 32 % máis en homes (509 persoas fronte ás 386 do ano anterior) e un 16 % máis en mulleres (590 fronte ás 509 de 2025), elixindo a vila pola súa accesibilidade, orografía chaira e comodidade urbana.

ACTIVIDADES DESTACADAS E SERVIZOS

O groso das peticións de información centrouse nas consultas sobre Ares e os atractivos xerais do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas, que sumaron 1.317 atencións. Entre os eventos e citas máis consultados destacaron a celebración do Ares Indiano e o conxunto da programación cultural do VeraneAres.

Como principal novidade deste ano no servizo municipal de aluguer de bicicletas, BicicletAres (coordinado xunto á Concellaría de Deportes), incorporáronse bicicletas eléctricas, acadando gran interese: foron as máis demandadas con 36 usos sobre os 79 préstamos totais rexistrados durante o verán.

O balance inclúe tamén o labor informativo desenvolvido no Alboio de Quinín, no porto de Redes, que sumou 78 visitantes e 30 consultas específicas sobre a tradición mariñeira e a contorna da vila, así como a promoción do Ares Indiano realizada polo persoal técnico no certame Equiocio, en Covas.

Malia non estar dispoñibles esta tempada por causas de forza maior nin as rutas en barco da ría a bordo do M. Presas nin o acceso ao interior do Mosteiro de Santa Catalina, a oficina constatou o interese continuado dos usuarios preguntando por ambos os recursos.

A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, valorou positivamente as cifras salientando que “a estabilidade e o crecemento do turismo en Ares reflicten que somos unha vila atractiva, cómoda e segura tanto para as familias como para o público de máis idade, sumando novas iniciativas sostibles como as bicicletas eléctricas que enriquecen a nosa proposta municipal”.

MEMORIA TURISMO 2026 en pdf

Pódeche interesar