A paisaxe litoral de Ares, protagonista do novo mural de Sfhir

Comparte esta nota de prensa

  • O pavillón polideportivo loce xa o resultado final do traballo do artista urbano Hugo Lomas e o seu equipo, un deseño onde a costa da vila, tan vencellada coa memoria mariñeira e a identidade local, é protagonista.
  • Ares súmase así ao conxunto de localidades que amosan a pegada dun dos mellores muralistas do mundo, especialista en grandes formatos e cunha consolidada carreira no eido internacional.

 

Dúas crianzas corren e xogan co mar de fondo e cunha paisaxe particular coma compañía: os cantís e calas que se prodigan dende as Illas das Mirandas en adiante, símbolo da relación de Ares coa súa cultura mariñeira.  A partir destes elementos creouse o novo mural do recoñecido artista urbano Sfhir e o seu equipo no pavillón polideportivo do municipio, o lenzo que empregaron durante as últimas semanas para completar o seu deseño en clara alusión á identidade aresá.

Así, Sfhir configurou esta obra en Ares mantendo a súa predilección polos grandes formatos e o hiperrealismo, dentro dunha actuación impulsada polo Concello co apoio da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra.

A localidade incorpórase ao resto de ciudades e vilas nacionais e internacionais nas que se pode apreciar o desenvolvemento da carreira artística de Sfhir, con tres décadas detrás e un gran número de murais que serven, como no de Ares, para embelecer o espazo público, contruír idendidade colectiva e dinamizar turisticamente o lugar no que se inscriben.

Unha mostra de arte urbano que ficará na entrada ao pavillón, tamén renovado recentemente, para desfrute da veciñanza e visitantes!

 

Pódeche interesar