A ría de Ares, escenario deportivo coa XXVIII Travesía a Nado

Comparte esta nota de prensa

A rampla grande do paseo marítimo acolleu este sábado pasado unha nova edición da tradicional Travesía a Nado, o evento deportivo que aglutina na vila a nadadores e nadadoras de todas as idades e categorías. Foron preto de 90 persoas as que se lanzaron ás augas da ría para completar as múltiples distancias da proba, dende os 100 metros da categoría popular ata os 1.000 metros da proba absoluta.

Organizada polo Concello de Ares, a xornada deste fin de semana transcurriu con éxito, en pugna contra o vento, e con trofeos para os gañadores e gañadoras absolutos, mais tamén recoñecementos para o nadador máis novo e o máis veterán.

Ademais, no que atinxe á categoría popular, todos os que se sumaron ao evento recibiron a súa medalla conmemorativa, convertindo a Travesía a Nado nunha proba que procura, por enriba da competitividade, fomentar e valorar a práctica deportiva. Para a entrega de medallas e trofeos estivo, en representación da institución aresán, a concelleira Lucía Blanco, formalizando o peche da iniciativa.

O Concello agradece aos axentes colaboradores que fixeron posible un ano máis esta edición: dende o Club Náutico Ría de Ares,  Coca Cola, Supermercados Familia, Serviocio BE ONE, o Club Natación Ferrol, o Club Marítimo de Redes e Protección Civil.

 

 

Pódeche interesar