Este sábado celebrouse un showcooking moi especial no que o protagonista absoluto foi un produto do Atlántico con fonda tradición na nosa zona: o ourizo de mar. A actividade, conducida polo recoñecido chef Miguel Ángel Campos —á fronte do restaurante A Gabeira e membro do Grupo Nove— no Centro Cultural Outeiro, puxo en valor a calidade desta xoia do mar cunha serie de elaboracións en directo que fixeron as delicias das persoas asistentes.
Ourizo con alga wakame e holandesa, pescada en salsa de ourizos e albariño ou un pani puri recheo de alga codium e ourizo foron algúns dos pratos preparados por Miguel Ángel Campos, enfatizando a súa condición de cociñeiro innovador ao combinar vangarda e tradición co mellor produto de proximidade.
O evento celebrouse enmarcado no proxecto “O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza“, impulsado polo Concello de Ares e o Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, coa colaboración da Consellería do Mar, o GALP Golfo Ártabro Norte e fondos europeos. En representación do Concello acudiu Alma Barrón, edila de Cultura, para a apertura do showcooking.
Un xeito de comprobar a paixón polo noso mar e a diversidade do Atlántico! 🐚