O Concello de Ares inicia as obras de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público de Cervás

Comparte esta nota de prensa

A actuación contempla a renovación de 29 luminarias, que serán substituídas por equipos de tecnoloxía LED, así como a renovación de tramos de cableado deteriorados e dun poste de formigón.

O proxecto supón un investimento total subvencionado de 38.251,54 euros, financiado nun 75 % (28.688,66 €) polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e nun 25 % (9.562,88 €) polo Concello de Ares.

A nova instalación permitirá reducir nun 66,57 % o consumo enerxético anual e evitar a emisión de 2,49 toneladas de CO₂ ao ano.

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar o inicio das obras de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público en Cervás, unha actuación que permitirá modernizar as instalacións existentes e reducir substancialmente tanto o consumo eléctrico como a contaminación lumínica na contorna.

O proxecto contempla a substitución das 29 luminarias actuais, equipadas con lámpadas de vapor de sodio de alta presión (VSAP) de 70 W, por novos equipos LED de alta eficiencia de 25 W. En concreto, instalaranse 13 luminarias de tipo vial e 16 conxuntos de farol tipo vila.

As obras inclúen tamén a renovación de tramos de cableado aéreo e subterráneo que presentaban deterioro, a substitución das caixas de derivación e rexistro e a reposición dun poste de formigón de 9 metros de altura que se atopa moi deteriorado.

Un aforro enerxético do 66,57 %

A modernización permitirá un salto cualitativo e cuantitativo na sustentabilidade da rede municipal o que suporá un aforro de 6.964,60 kWh ao ano, equivalente ao 66,57 % do consumo actual.

A incorporación da tecnoloxía LED contribuirá tamén a mellorar a calidade da iluminación e reducir as necesidades de mantemento, ao tempo que permitirá adecuar os niveis de iluminación ás necesidades das vías e contribuír á redución da contaminación lumínica.

Investimento e financiamento

O investimento total subvencionado ascende a 38.251,54 euros.

A actuación conta cunha achega do 75 % a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, por un importe concedido de 28.688,66 euros, mentres que o Concello de Ares asumirá os 9.562,88 euros, o 25 % restante.

A actuación, denominada «Proxecto técnico de mellora de eficiencia enerxética de alumbrado público e de redución de contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos en Cervás», conta cun prazo estimado de execución dun mes.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou que «con esta intervención seguimos avanzando no compromiso do Concello de Ares por contar cun alumeado público máis eficiente e sostible». Neste sentido, lembrou as actuacións xa realizadas no casco urbano de Ares e Redes, en Marina do Pombal e nas estradas de Ares-Cervás e Ares-Mugardos, e destacou que «agora damos un novo paso para continuar mellorando o alumeado nos núcleos rurais do municipio».

 

Pódeche interesar