2024-Sporural-Ares en Atenas-1

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

Comparte esta nota de prensa

Representantes do Concello acudiron até Grecia e mantiveron encontros de traballo cos integrantes de CROSSKOVÁCSI Sport, de Hungría; EAS CYCLADES, do territorio heleno, e INNOdxt, asociación cultural coruñesa.

Realizáronse xornadas de seguimento, codeseño e análise do realizado dentro do proxecto, mais tamén se aprobaron os seguintes pasos a dar na materialización
das accións definitivas dentro de cada país.

No caso de Ares, a acción final implicará un encontro náutico deportivo e unha xornada de orientación na praia con recollida de residuos.

A concelleira de Deportes, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e informático do Concello desprazáronse esta fin de semana pasada até a capital de Grecia para manter o último encontro presencial co resto de integrantes do proxecto Sporural, unha iniciativa internacional enmarcada no Erasmus Deportivo da Unión Europea.

As instalacións do EAS CYCLADES, unha entidade con fonda tradición no deseño de carreiras de orentacións e trails de montaña que participa na iniciativa, acolleron as reunions de traballo e seguimento do proxecto, onde tamén se analizou o realizado até o de agora nos diferentes municipios involucrados, cos seus puntos fortes e febles, e se aprobou a planificación para a conclusión definitiva de toda a actividade de Sporural.

Xunto a Ares e o EAS CYCLADES tamén estiveron os socios húngaros do Crosskovacsi Sport, entidade deportiva de BTT, e a asociación cultural coruñesa INNOdxt, cumprindo cun dos obxectivos do Erasmus Deportivo: coñecer a realidade sociocultural do resto de países onde se desenvolven proxectos semellantes aos que se organizan na contorna aresá.

Despois da visita que realizaron os membros do proxecto a Ares en marzo do ano pasado e a desta anualidade, o resto de encontros continuará vía telemática e estarán orientados a facer realidade as denominadas como ‘accións definitivas’ de Sporural, un conxunto de iniciativas que aglutinen medioambiente e deporte.

No caso da localidade aresán, a Concellaría de Deportes traballa no deseño nos próximos meses dunha programación no medio rural que integre tamén a persoas con necesidades especiais. Haberá un encontro náutico-deportivo con vela adaptada, kaiak e paddelsurf, amais dunha xornada na praia con recollida de residuos, clasificándoos segundo a súa procedencia, da man de varios cursos de primaria e secundaria do CPI As Mirandas.

Para saber máis sobre o proxecto, pódese visitar a páxina web https://sporural.concellodeares.com/.

2024-Sporural-Ares en Atenas-22024-Sporural-Ares en Atenas-3

Pódeche interesar