No marco das actividades do Ares Indiano, a Concellería de Cultura do Concello de Ares organiza o coloquio “Coñece a Cátedra Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana”, unha actividade que permitirá achegar ao público a historia, o labor e os obxectivos desta institución dedicada á difusión da cultura e da literatura galegas en Cuba.
O encontro contará coa participación de Arantxa Fernández Crespo, directora da Cátedra Galega Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana, e María Xosé Porteiro, xornalista e escritora, que compartirán cos asistentes diferentes aspectos relacionados coa traxectoria da Cátedra e coa presenza da cultura galega na sociedade cubana.
A actividade permitirá, así mesmo, poñer en valor os vínculos históricos e culturais entre Galicia e Cuba, especialmente significativos nun concello como Ares, cunha fonda tradición ligada á emigración e á cultura indiana.
O coloquio terá lugar o venres, 18 de setembro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Alianza Aresana.
O Concello de Ares convida á veciñanza a participar neste encontro e a coñecer máis de preto o traballo da Cátedra Galega Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana.

