Organizarase do 29 de xullo ao 2 de agosto, en horario de tarde, de 18:00 a 21:00 h, no pavillón polideportivo da localidade.
As inscricións abren hoxe, 24 de maio, até o 26 de xullo ou o esgotamento das 40 prazas habilitadas baixo un prezo de 50 euros.
A concelleira de Deportes, Alma Barrón; o técnico municipal desta área, Javier Sánchez, e Chiqui Barros, promotor do Campus, presentaron onte na casa consistorial de Ares a décimosexta edición do Campus Chiquibásquet, un evento formativo que verán tras verán achega o baloncesto aos mozos e mozas da vila.
A iniciativa, como se detallou no acto de presentación, recalará no pavillón polideportivo da localidade dende o 29 de xullo ao 2 de agosto, sendo unha oportunidade para combinar formación, diversión e a práctica do baloncesto durante as tardes, especificamente de 18:00 a 21:00 horas.
O Campus Chiquibasquet seguirá centrándose na mellora e aprendizaxe dos rapaces e rapazas de 5 a 18 anos, mais haberá un segundo grupo de maior idade como novidade. “Atendendo aos comentarios que recibimos en edicións anteriores, desta volta quixemos ampliar o abano de idade, organizando sesións para a mocidade dos 18 aos 22 anos moito máis centradas en perfeccionamento das habilidades técnicas”, salientou Chiqui Barros.
As inscricións abrirán hoxe até o 26 de xullo ou ata que se esgoten as 40 prazas habilitadas para participar. De cara a formalizar a reserva no Campus, pódese visitar a páxina web http://chiquibasquet.wordpress.com, enviar un correo electrónico a chiquibasquet@gmail.com ou contactar co número de teléfono 676 408 520.