Ares acollerá a XXVIII Travesía a Nado o vindeiro 19 de xullo

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello vén de facer hoxe a presentación oficial desta proba deportiva de fonda tradición no municipio. No acto desveláronse os seus principais detalles organizativos.
  • As persoas interesadas deberán reservar praza dende hoxe, 26 de xuño, até o 15 de xullo vía telemática na web institucional. O prezo de participación é de 3 euros, agás a categoría popular, que é de balde.

 

A concelleira Lucía Blanco, o técnico de Deportes municipal, Javier Sánchez, e o representante do Club Natación Ferrol, Jorge Jiménez, reuníronse esta mesma mañá no consistorio de Ares para presentar a vixésimo oitava edición da Travesía a Nado, un dos principais eventos deportivos do verán na vila.

No acto de presentación oficial informaron do funcionamento da proba que se celebrará o 19 de xullo a partir das 17:30 h. Así, a rampla grande de Ares, no paseo marítimo, encherase de nadadores e nadadoras dun amplo abano de categorías, dende os máis pequenos ata máis veteráns, e cunha variabilidade de distancias durante o evento: haberá travesías dos 100 m. da categoría popular aos 1.000 m. do percorrido máis longo.

Aos gañadores absolutos tanto en categoría masculina como feminina, mais tamén ao nadador/a máis mozo e ao máis veterán, entregaranse trofeos conmemorativos. E no que atinxe á categoría popular, para todas as idades, todos os participantes nela terán a súa medalla da Travesía a Nado ao non haber pódium como tal.

PRAZAS E INSCRICIÓNS

Segundo recolle o regulamento da proba, tamén publicado hoxe ao fío da presentación institucional, habilitaranse 150 prazas que se reservarán vía telemática na web do Concello, www.concellodeares.gal.

O período de inscricións estará aberto dende hoxe, 26 de xuño, ata as 14:00 h. do 15 de xullo, coa posibilidade de que, no caso de que haxa prazas libres, se realice unha adxudicación delas na mesma rampla grande de Ares o día da proba, entre as 16:00 h. e as 17:00 h., por orde de chegada.

Na información organizativa tamén se especifica que estará permitido o emprego de traxe de neopreno e que haberá unha zona de recuperación e avituallamento tras cruzar a liña de meta con bebidas quentes, frías e froita.

A Concellaría de Deportes estendeu o seu agradecemento ás entidades involucradas na XXVIII Travesía a Nado, fundamentais na materialización do evento un ano máis: dende o Club Náutico Ría de Ares a Serviocio BE ONE, o Club Natación Ferrol, o Club Marítimo de Redes e Protección Civil de Ares.

 

LIGAZÓN PARA INSCRIBIRSE: https://forms.gle/vkTEG6mnzF7qfZtHA 

REGULAMENTO EN PDF: Regulamento Travesía a Nado 2025

Pódeche interesar