Desde ás 10:00 horas e ata ben entrada a tarde do 27 de novembro, o Concello promove 4 conferencias e 1 faladoiro da man de especialistas nesta materia.
As inscrición son totalmente gratuítas, abertas á veciñanza e interesados/as, vía telemática
O Concello vén de facer pública esta mesma mañá a programación da Xornada de Violencia de Xénero e Sistema Educativo organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) municipal e a Concellaría de Igualdade e Benestar. A presentación desta mañá, coa presenza de concelleira de Benestar, Victoria Montenegro, acompañada polos concelleiros do goberno municipal Luis Cendán, Olimpia Marcos e Lucía Blanco, xunto ao director do Centro de Información á Muller (CIM) municipal, José Luis Castro, e a avogada do CIM, Dolores Castro; serviu para dar a coñecer os contidos da xornada que contará cunha programación completa.
Así, ao longo da mañá e da tarde do luns 27 de novembro, a Alianza Aresana reunirá a 6 especialistas nesta materia, a relación da violencia de xénero e o sistema educativo, e acollerá 4 conferencias e 1 faladoiro para achegar un coñecemento de calidade á veciñanza.
O evento comezará coa súa actividade ás 10:15 horas coa inauguración oficial por parte do alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade do municipio, e continuará coa primeira das ponencias, a impartida por Ana Iglesias Galdo, profesora na Facultade de Ciencias da Educación da UDC, “Aprender e practicar a igualdade: tolerancia cero á violencia de xénero”, ás 10:30 horas. De seguido, preto das 12:00 horas, a garda civil formadora do Plan Director Ferrol Sara Rodríguez Rodríguez debullará os aspectos desta tipoloxía de violencia machista dentro do relatorio “Violencia sobre a muller no Plan Director”.
Antes do peche da mañá do 27 de novembro, o salón de actos da Alianza Aresana contará cun faladoiro sobre “ Violencia de xénero: prevención e intervención nos centros educativos” entre as expertas Ana Iglesias Galdo, profesora na Facultade de Ciencias da Educación da UDC, Verónica Guerras Andrés, garda civil pretencente ao equipo VIOGEN da 2º Compañía de Ferrol, e María Teresa San Segundo Manuel, doutora en Dereito Civil, directora do Centro de Estudios de Xénero e directora do Máster Malos tratos e violencia de xénero da UNED; coa moderación de Esther Montero Martínez, educadora social especializada en malos tratos e violencia de xénero.
A quenda de tarde, a partir das 16:30 horas, arrancará cunha conferencia de Miguel Armenteros León centrada na“Violencia sobre menores: das aulas ao Xulgado”, en base ó seu campo de exercicio profesional coma fiscal xefe da Fiscalía da área de Ferrol.
A ampla xornada divulgativa que converterá a Ares nun espazo de reflexión sobre unha problemática que está á orde do día pechará a súa actividade con María Teresa San Segundo Manuel (17:30 a 18:30 horas), doutora en Dereito Civil, directora do Centro de Estudios de Xénero e directora do Máster Malos tratos e violencia de xénero da UNED, para contextualizar a “Influencia da cultura e a educación na violencia de xénero”.
As inscricións para asistir ó evento xa están abertas á veciñanza aresán e outros interesados/as, sendo totalmente gratuítas e facéndose telematicamente en https://concellodeares.gal/xornada-contra-a-violencia-de-xenero-concello-de-ares-violencia-de-xenero-e-sistema-educativo/