O Concello abrirá as inscricións dos postos en dúas quendas, primeiro para empadroados/as no municipio -do 27 ao 29 de xuño- e posteriormente, dende o 30 ata esgotar prazas, para o resto.
A Concellaría de Cultura vén de anunciar a XI edición do Mercado Veciñal, un evento que se recupera tras dous anos sen realizarse e que permitirá intercambiar, mercar ou vender no paseo marítimo de Ares produtos de segunda man e artesanías. No mercado haberá espazo para películas, obxectos de coleccionismo, libros, bisuterías e outros tantos artigos de interese nos diferentes postos, que poderán ser tanto de particulares como de profesionais e asociacións da vila.
Segundo informa a área de Cultura dirixida por Alma Barrón, cada posto terá un custe de 5 euros e unha extensión de 3 metros lineais, sendo necesario que o adxudicatario se faga cargo de levar todo o que precise para montalo. A maiores, a participación no mercado require de inscrición previa nos períodos que habilita o Concello. Por unha banda, do 27 ao 29 de xuño para os empadroados en Ares e, posteriormente, dende o 30 de xuño ata esgotar as 130 prazas, para os non empadroados.
Estas solicitudes de participación só se poderán realizar fisicamente na biblioteca municipal de Ares (Rúa María, 11), achegando cuberta a solicitude de reserva de posto que se poderá obter nas instalacions da biblioteca ou descargar na páxina web municipal, amais de pagar o importe exacto do posto.
UN EVENTO QUE SE RECUPERA TRAS O COVID-19
Como xa é habitual no localidade, o mercado consolídase coma unha das principais iniciativas de carácter municipal que se veñen de recuperar tras as limitacións da pandemia. Que se trate da onceava edición enfatiza a súa tradición e, tamén, o éxito que ten na contorna.
A concelleira de Cultura, Alma Barrón, aproveitou a posta en marcha do evento para contextualizar a súa esencia: “Principalmente, buscamos que participe toda a vila, dinamizándoa dende dúas perspectivas: a social, animando á xente a sumarse, e a económica, da man da compra e venda de produtos de segunda man e artesanía asociados ó mercado”.
Ademais, Barrón salientou a importancia do carácter “veciñal” do evento, porque a esencia “é ofrecer un espazo accesible á veciñanza para o intercambio, e non tanto -ou non só- aos profesionais, que xa teñen eventos exclusivamente para eles”.