Ares celebrará a segunda edición do DegustAres, a ruta de pinchos para gozar da gastronomía local

Comparte esta nota de prensa

Durante dúas fins de semana deste mesmo mes, 11 establecementos que forman parte da hostalería aresán ofertarán diferentes tapas, sumándose así á iniciativa que promove o Concello de Ares.

A nova edición chega con novidades no sistema de puntuación, pero tamén nos premios: xunto ós galardóns económicos, entregaranse dúas visitas, pernoctación incluída, nas Bodegas Valdelana (Álava) tanto para os locais de hostalería coma para veciñanza.

A concelleira de Comercio da localidade, Lucía Blanco, presentou hoxe mesmo o DegustAres 2023, a que será a segunda edición do concurso de tapas do Concello. Fíxoo acompañada de Alejandro Pérez, xerente da empresa Bodegas y Vinos Ares, o novo colaborador da iniciativa gastronómica xunto con Bodegas Valdelana, Abanca e Coca Cola, todos eles axentes que axudan a materializar o evento durante os días 18, 19, 25 e 26 de marzo.

No acto de presentación, Lucía Blanco enfatizou que “tiñamos claro que era necesario aproveitar a experiencia da anterior edición non só para repetila, senón tamén para mellorala. Ademais, o DegustAres é unha boa forma de axudar a dinamizar a nosa gastronomía e de incentivar o consumo nestas datas”.

O formato concurso mantense, pero haberá cambios no sistema de puntuación, segundo apuntou a concelleira de Comercio durante o acto. Os clientes terán á súa disposición unha folla do concurso onde constarán os establecementos adheridos, a tapa que ofrecen e os horarios de servizo, para que proben os pinchos e valoren cal merece un primeiro posto (15 puntos), un segundo (10 puntos) e un terceiro (5 puntos).

Esa será a nova distribución das puntuacións, mais volverá a ser obrigatorio que as tarxetas estean seladas por todos os locais participantes para que os clientes poidan sumarse ó sorteo dos premios. Cada pincho costará 1 euro nos seguintes 11 bares e restaurantes de Ares que participan no concurso:

  1. A Casa Nova.
  2. Bocarte
  3. Hamburguesería O Lago.
  4. Little Turuta.
  5. O Bodegón.
  6. O Casino de Ares.
  7. O Gaiteiro.
  8. O Parrocho.
  9. Taberna Salazón Pedrafeita.
  10. Tarrafa
  11. Yambú.

1.800 EUROS EN PREMIOS E DÚAS ESTANCIAS GRATUÍTAS EN EL CIEGO (ÁLAVA)

A Concellaría de Comercio habilitou, na mesma liña que o ano pasado, premios tanto para o tecido hostaleiro coma para a veciñanza participante. De feito, toda persoa que deposite a folla de valoracións debidamente cuberta entrará no sorteo de 5 vales de 100 euros cada un —todos eles para investir no comercio aresán— e haberá un sexto vale coa mesma contía que se sorteará especificamente o 31 de marzo entre as persoas asistentes ao acto de sorteo e entrega de premios.

Xunto a estes 600 euros, súmase unha partida de 1.200 euros para os establecementos que obteñan as maiores puntuacións por parte do voto popular. O DegustAres manterá un primeiro premio con valor de 500 euros, un segundo de 400 euros e un terceiro de 300 euros, acompañados polos diplomas acreditativos do posto acadado.

En total, o concurso distribuirá 1.800 euros en vales que se gastarán nos comercios adheridos anteriormente á campaña de consumo de proximidade de MercAres. Con todo, por xentileza de Bodegas Valdelana e Bodegas y Vinos Ares, tamén se entregarán dúas visitas con noite de hotel incluída para un par de persoas nas propias bodegas Valdelana, na localidade de El Ciego (Álava). O método de selección dos gañadores destas experiencias será, de igual maneira, a través dun sorteo.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,