Ares celebrará as súas tradicionais Alfombras Florais o vindeiro 22 de xuño

Comparte esta nota de prensa

  • Hoxe mesmo desvélase o cartel oficial desta Festa de Interese Turístico de Galicia, unha tradición que enche o núcleo urbano da vila de arte efémero e supón toda unha mostra de compromiso colectivo por parte da veciñanza. 
  • Os traballos de picado principiarán o 20 de maio nos centros organizativos habilitados para a ocasión e precisaranse o maior número de voluntarios posibles que desexen colaborar neste proceso previo de preparacións.

 

O municipio aresán xa se prepara para celebrar unha das súas tradicións máis fondas e con maior atractivo para quen decide coñecer a vila: as Alfombras Florais chegarán ás rúas de Ares o 22 de xuño con 5 tramos de tapices que percorrerán a Praza da Igrexa en dirección ó Peirao, a rúa María e a rúa Real.

Mais todo o que acarrea un evento así, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia, precisa dun tempo de organización, e como apuntan dende a Asociación das Alfombras Florais –a entidade encargada da coordinación da iniciativa–, o proceso de picado e organización de materiais arrancará o vindeiro martes, 20 de maio, espallándose en varios puntos:

  • Casa da Parroquia
  • Bar O Gaiteiro
  • Antigo Bar As Mirandas (Rúa Real)
  • Rúa San Simón
  • Antiga Casa Rectoral

Estes serán os lugares que centralizarán a actividade previa á confección das alfombras, e alí se coordinarán os traballos liderados polos veciños e veciñas de Ares, que de xeito voluntario deciden unirse para facer realidade esta festa con máis de 40 anos de tradición. De feito, o seu labor altruísta convértese nunha mostra explícita de espíritu solidario coa localidade onde viven.

E coma aconteceu no ano pasado, tamén nesta ocasión se estende un convite a todo aquel que desexe contribuír á causa: necesítanse o maior número de mans posibles que axuden neste proceso previo de picado, esixente en cuestión de tempo e enerxía para a selección de materiais.

Ao fío da relevancia da Asociación de Alfombras Florais de Ares aproveitou Alma Barrón, concelleira de Cultura, para “agradecerlles a súa involucración ano tras ano, pois é a Asociación quen permite que continúe este exemplo de arte efémero floral, e dende logo tamén son sinónimo de compromiso colectivo”.

Nesta edición de 2025 resaltaranse de novo as sinerxias xa consolidadas entre a Asociación veciñal, o Concello, a Deputación da Coruña e mesmo a Xunta de Galicia, axentes involucrados directa ou indirectamente na materialización do evento.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.