Ares celebrará o Samaín cunha tarde de actividades para toda a familia

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares organiza o vindeiro venres, 30 de outubro, unha nova edición da festa do Samaín, unha proposta que combinará misterio, diversión e tradición para que veciñanza e visitantes poidan gozar dunha tarde especial en familia.

A celebración dará comezo ás 17:00 horas na praza da Constitución, cunha programación pensada especialmente para o público infantil, pero aberta á participación de toda a familia.

Entre as actividades previstas destacan a presenza dunha castañeira con castañas, un túnel do terror, camas elásticas e música ambiente con animación para acompañar a festa. Ademais, haberá un concurso de cabazas no que a creatividade e a imaxinación serán protagonistas.

A programación completarase con diferentes obradoiros creativos, nos que as persoas participantes poderán elaborar imáns terroríficos e chapas de Samaín, así como experimentar coa creación de feridas de fantasía.

Deste xeito, o Concello de Ares aposta por unha celebración que combina o carácter lúdico destas datas coa tradición do outono, ofrecendo unha oportunidade para compartir tempo en familia e gozar dunha das festas máis agardadas polos máis pequenos.

No caso de choiva, todas as actividades trasladaranse á pista cuberta do CPI As Mirandas, garantindo así o desenvolvemento da xornada con independencia das condicións meteorolóxicas.

Pódeche interesar