O mércores, 4 de decembro, ás 17:30 h., a veciñanza poderá colaborar na decoración da árbore de Nadal na Ponte da Ciscada e prender, unha vez rematado, as luces navideñas da vila.
A Concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao Nadal en Ares: ‘Ilumina os teus desexos’, o evento no que se decora unha das árbores máis próximas á Ponte da Ciscada grazas á colaboración dos máis pequenos da vila e as súas familias.
Será o vindeiro mércores, 4 de decembro, ás 17:30 horas, no Parque Rosalía, e comezará primeiro coa decoración da árbore para despois pendurar os bos desexos do 2025 das familias aresáns con tarxetas que inclúan mensaxes e toda a ilusión das crianzas da localidade.
Xusto despois de rematar a decoración, prenderanse todas as luces de Nadal de Ares, comezando así coa tempada festiva no municipio.