Ares conmemora os 119 anos da Alianza Aresana de Instrucción

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

Os actos para celebrar o aniversario da sociedade fundada en 1904 na Habana polos emigrantes da localidade divídense en dúas datas: o venres, 17 de marzo, coa actuación de Isaura & Co, e a propia efeméride oficial de creación, o domingo, 20.

Na programación do 20 de marzo destaca especialmente a entrega do premio que acadou o alumnado e profesorado do CPI As Mirandas no concurso da Deputación da Coruña “Lazos coruñeses con América Latina” cunha investigación sobre a memoria indiana aresá.

Nos próximos días, a localidade de Ares contará cunha dobre celebración: a dos 119 anos da fundación da Alianza Aresana de Instrucción na Habana, a agrupación que foi chave na democratización da educación dentro da vila, e tamén o premio á investigación escolar da Deputación da Coruña que recibiu o alumnado e profesorado do CPI As Mirandas polo traballo “Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble na nosa vila”.

A programación que propón o Concello dende a área de Cultura arranca en realidade o venres, 17 de marzo, coa actuación de Isaura & Co “Claves de bolero” ás 20:00 horas no salón de actos da biblioteca municipal, o mesmo edificio que se construíu grazas ás achegas económicas dos emigrantes galegos do municipio en Cuba.

Continuará xa pasada a fin de semana, o luns 20 de marzo, ao ser o aniversario oficial da Alianza Aresana de Instrucción, unha sociedade que ten as súas fondas raíces no 1904 e que aínda no noso presente é lembrada e homenaxeada.

Abrirá a tarde de conmemoración (19:00 h.) o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e seguirá xa a entrega do I Premio Lazos Coruñeses con América Latina, con representantes da Deputación da Coruña, ao grupo de alumnos/as gañadores (Geovanna Carvalho de Medeiros Correia; Luís Alejandro Crespo Oltra; Hugo Martínez Cortizas; Fabio Polo Leira; David Vila Villares; Iván Pena Dovale e Gonzalo Martínez Couce) e á profesora coordinadora, María do Rocío Pena Pena, xunto co equipo de Dinamización Lingüística do colexio.

Tamén haberá oco para ler a acta fundacional da Alianza Aresana (19:15 h.), a que permite entender o espírito da sociedade, marcada polo seu desexo de contribuír á mellora de Ares sufragando a construción da primeira escola da emigración galega, un espazo á vangarda educativa da súa época en toda Galicia.

Pechará o programa dese día unha dobre actuación. Por unha banda, o grupo de teatro A Cova do Trasno interpretará unha peza sobre a propia fundación da Alianza (19:30 h.) e, pola outra, realizarase o espectáculo musical dos Trasnochadores do Eume (20:00 h.).

Pódeche interesar