Coa proxección de onte nas Escolas do Lago de ‘A todo tren 2’, o municipio aresán pechou a programación do Ciclo de Cine de Verán deste ano que organiza a Concellaría de Cultura a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Onte a veciñanza despediuse do ciclo acompañando na súa aventura en tren a Clara (Paz Vega) e Susana (Paz Padilla), dúas nais que se encamiñan cos seus fillos e fillas a un campamento estival en Francia e rematan inmersas nunha nova odisea ferroviaria con persecucións policiais, fuxidas e moito humor. Unha precuela de ‘A todo tren. Destino Asturias’ que continuou coa mesma tipoloxía de humor para toda a familia.
E así, aproveitando a novidade que supuxo empregar o patio das Escolas do Lago como espazo de proxeccións, o eido cinematográfico achegouse a Ares grazas a esta programación de cine ao aire libre que xa se leva materializando dende fai máis de dez anos na vila para desconectar e gozar da cultura.