- O Concello e o CPI As Mirandas, organizadores do certame literario, anunciaron o fallo do xurado entre as 113 propostas presentadas: os primeiros premios recaeron en Mara Cartelle e Alba Cartelle, namentres que os finalistas foron Lola Caamaño, Paula Cebreiro e Cecilia Costas, esta última como accésit.
A Alianza Aresana acolleu onte a entrega dos galardóns da sexta edición do Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos, o certame impulsado entre o Concello e a comunidade educativa do CPI As Mirandas para incentivar a expresión creativa da mocidade aresá.
No acto, desvelouse o fallo do xurado tras a lectura e posta en común dos 113 textos presentados este ano. Saldadas as deliberacións, os primeiros premios foron para os microrrelatos ‘Anaquiños de liberdade’, de Mara Cartelle Calvo (Primaria), e ‘A ferida que non se ve’, escrito por Alba Cartelle Filgueiras (Secundaria). En ambos casos, destacouse a madurez da escrita, o tratamento temático e a coherencia dos relatos, recibindo unha tablet/ebook como galardón.
Xunto a eles, o xurado tamén designou aos finalistas de cada categoría, que obtiveron a modo de recoñecemento cada un deles un lote de libros. Así, resultaron finalistas Lola Caamaño Vidal en Primaria polo microrrelato ‘Os dous minutos máis bonitos da miña vida’, e Paula Cebreiro Carballo na ESO con ‘O meu momento’. Nesta edición, destacouse a maiores a composición de Cecilia Costas Cortés ‘A Lúa de Santiago’ cun accésit.
Ao longo da entrega, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, parabenizou ós rapaces e rapazas premiados, mais tamén agradeceu a participación xeral da mocidade, sabendo a relevancia de incentivar a expresión artística a través da escritura, como fai ano tras ano o certame entre a administración local e o CPI As Mirandas.
O xurado estivo composto por Yolanda Castro, Rocío Pena e Carmela Franco, por parte do colexio aresán, e o xornalista e escritor Pablo J. Rañales, tomando como criterios de selección dos gañadores e finalistas a orixinalidade dos temas, a claridade expresiva, o coidado dos trazos estilísticos ou a coherencia dos textos.
TEXTOS DE PRIMARIA:
- Gañadora: ANAQUIÑOS DE LIBERDADE – Mara Cartelle Calvo
- Finalista: OS DOUS MINUTOS MÁIS BONITOS DA MIÑA VIDA – Lola Caamaño Vidal
TEXTOS DE SECUNDARIA:
- Gañadora: A FERIDA QUE NON SE VE – Alba Cartelle Filgueiras
- Finalista: O MEU MOMENTO – Paula Cebreiro Carballo
- Accésit: A LÚA DE SANTIAGO – Cecilia Costas Cortés
Parabéns!










