Ares lembrou a Castelao da man de Miguel Anxo Seixas

Comparte esta nota de prensa

A veciñanza de Ares mergullouse onte na vida e legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o escritor monumental que tanto marcou a identidade e cultura de Galicia dende o século XX até agora. Miguel Anxo Seixas Seoane achegouse á Alianza Aresana para impartir unha conferencia divulgativa sobre o intelectual rianxeiro partindo da súa triloxía biográfica, Castelao: Constructor da Nación’, e do coñecemento adquirido como presidente da fundación adicada ao autor galego.

Seixas, en conversa co veciño Juan Prados, fixo un percorrido polas circunstancias vitais e a relevancia de Castelao dende a súa condición polifacética: foi artista, escritor, político, pensador, médico, e dende logo unha figura chave na edificación da Galicia contemporánea.

A charla permitiu coñecer de preto os fitos biográficos e o contexto histórico que marcaron a obra e o pensamento do intelectual rianxeiro, e mesmo que o aresán Ramón Casteleiro lle entregara a Miguel Anxo Seixas unha obra escultórica de Castelao.

Ademais, o evento organizado pola Concellaría de Cultura sumouse á celebración en todo o territorio galego do Ano Castelao 2025, coincidindo co 75 º aniversario do seu falecemento; unha iniciativa para lembrar e conmemorar a unha das persoas que marcaron un antes e despois na historia de Galicia.

Pódeche interesar