Ares prepárase para vivir unha nova edición das súas tradicionais Alfombras Florais

Comparte esta nota de prensa

  • O vindeiro 6 de xuño, a vila volcarase na celebración desta mostra de compromiso colectivo, mais tamén de arte efémero a través de case un quilómetro de tapices de flores divididos en cinco tramos.
  • Durante o último mes, a veciñanza traballou no picado e a preparación dos materiais para confeccionar as alfombras: un esforzo altruísta que permite facer realidade esta Festa de Interese Turístico de Galicia.

 

O centro urbano de Ares encherase de cor na próxima fin de semana para celebrar un ano máis as Alfombras Florais, a Festa de Interese Turístico de Galicia que converte á vila nun exemplo de compromiso colectivo e espíritu solidario, ao facer realidade unha tradición con máis de 40 anos de vida.

Será na noite do 6 de xuño cando a veciñanza confeccionará os tapices dos 5 tramos que se espallarán polo núcleo urbano, abranguendo unha distancia aproximada de 875 metros entre a rúa Real, a rúa María e a Praza da Igrexa.

Claveis, hortensias, verde, pampillo ou mesmo sal tinguida, serrín, cunchas ou arroz comporán os tapices dos cinco tramos, facendo que Ares amaneza cuberta de flores e de cor, mais sabendo tamén que todo o traballo principia moito antes, nas tarefas de picado e preparación dos materiais que coordina a Asociación das Alfombras Florais de Ares, ás que se lles agradece a súa involucración, ao permitir que continúe este exemplo de arte floral e que exemplifica un claro compromiso colectivo.

MERCHANDISING OFICIAL

Ademais, a propia asociación vén de lanzar novos produtos conmemorativos das Alfombras Florais de Ares, coa colaboración do Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación e ABANCA; tres detalles que se poden adquirir contactando coa entidade veciñal para contribuír a cubrir os gastos de materiais necesarios na elaboración dos tapices.

  • Delantal verde – 6 euros
  • Costureiro de bolso con espello – 3 euros
  • Rotulador multiculor – 2 euros

 

Pódeche interesar