O Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) aprobou a proposta remitida polo Concello para executar un ambicioso proxecto de mellora da eficiencia enerxética do polideportivo, de cara a aforrar non só en termos medioambientais, senón tamén económicos.
Renovaranse os cerramentos (fachadas e cuberta), a carpintería e a totalidade das instalacións de iluminación interior, amais de incorporar enerxía solar térmica e unha caldeira de biomasa no seu funcionamento diario.
O Concello de Ares vén de recibir a concesión directa dunha actuación que transformará o pavillón polideportivo municipal nun espazo caracterizado pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade. O Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) deu luz verde ó proxecto proposto pola administración local aresán, o que se traduce na chegada de 443.695,34 euros para a renovación do pavillón no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, vencellado ós fondos Next Generation da Unión Europea.
Tras esta boa nova, redactarase o proxecto definitivo e posteriormente licitaranse as obras cun orzamento próximo aos 530.000 euros, de tal maneira que preto do 85 % sexa asumido pola liña de axuda de apoio xa concedida e pouco máis do 15 % restante polo concello. Continuarase coa aposta do goberno local de conseguir unha maior eficiencia enerxética reducindo custes no consumo eléctrico de xeito drástico en edificios e espazos públicos de Ares.
“O proxecto do pavillón suporá unha reforma practicamente integral de toda a envolvente, a iluminación e o sistema de auga quente sanitaria, mellorando de forma considerable a dotación do espazo e o confort para a práctica deportiva”, resaltou Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, ao mesmo tempo que informaba dos principais elementos sobre os que se intervirá.
Revestirase o muro de bloques de formigón polo exterior do edificio con pranchas de EPS e o cerramento superior desinstalarase para colocar un novo panel de aceiro lacado de 70 mm. Asimesmo, desmontarase toda a cuberta, substituíndoa por un sistema de panel sándwich de aceiro lacado de 60 mm., e incorporarase un conxunto de claraboias parabólicas de apertura eléctrica para a ventilación do recinto, axudando a reducir o consumo enerxético en caso de alta ocupación.
Tamén se cambiará o sistema de iluminación interior, actuando sobre un total de 111 puntos nos que se instalarán lámpadas suspendidas e pantallas adosadas de tipo LED, co que se logrará unha mellora das prestacións lumínicas e un aforro no consumo de 59,54 %.
Completarase o proxecto coa substitución de toda a carpintería por un sistema con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento laminar, amais de introducir paneis fotovoltaicos na cuberta e caldera de biomasa no interior do polideportivo.