Ares volcarase coa Santa Olalla na XV Bandeira Concello de Ares

Comparte esta nota de prensa

Representantes do goberno municipal e do Club de Remo da localidade presentaron esta mañá a que será unha cita ineludible dentro da Eusko Label Liga de Traiñeiras.

O alcalde do municipio, Julio Ignacio Iglesias; a concelleira de Deportes, Noelia Montero, e o presidente do Club de Remo de Ares, Germán Sánchez, presentaron hoxe a XV Bandeira Concello de Ares de Traiñeiras, un evento que se desenvolverá o próximo sábado, 27 de agosto, e fará que toda a localidade se vista de azul para animar con orgullo ó equipo da Santa Olalla.

O acto de presentación, que se realizou no paseo marítimo, serviu para dar boa conta do contexto do Club de Remo de Ares. Para Germán Sánchez, o único que queda pendente “é darlle un bo homenaxe aos nosos, porque se pelexou por todo, pola Liga, e ben o merecen. Pouco temos que dicirlles, nada máis que o pobo está con eles”.

O presidente do Club salientou o “orgullo que supón o subir e mantenerse na ACT. Se fai anos imaxinamos isto… é un soño conseguido pero, ademais, temos un futuro de calidade se miramos ás nosas categorías de base”. Na mesma liña que Germán Sánchez falou Julio Iglesias Redondo, rexedor de Ares: “Cumpriuse a ilusión dun club humilde, pequeno entre xigantes, que ademais creceu moitísimo ao estar na ACT. E non só deportivamente, tamén na súa xestión económica e social”.

Para o alcalde, o esencial é que a mellora permanece independentemente dos resultados que se obteñan ao peche da tempada. “Hai canteira e hai, sobre todo, unha preparación no Club, na directiva e na masa social que non desaparece. Seguiremos tendo un club da ACT aínda que non esteamos na propia ACT”.

UNHA XORNADA PARA O APOIO INCONDICIONAL

O sábado, 27, converterase en realidade nunha oportunidade para que Ares e os seareiros do Club rindan homenaxe ao esforzo continuo duns remeiros que, no seu tempo de ocio despois das xornadas laborais, deciden entregarse plenamente ó remo.

A concelleira de Deportes, Noelia Montero, tamén aproveitou a presentación da bandeira para animar ó municipio a “desfrutar de todo o día, do evento, sobre todo porque despois do traballo que levou a cabo tanto o Club coma o Concello o que nos queda é iso: desfrutalo independentemente do horizonte futuro”.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado