A veciñanza aresán poderá desfrutar de dúas actuacións realizadas por artistas ou compañías internacionais, primeiro na Alianza Aresana e logo no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro, nas xornadas do 23 e 24 de setembro respectivamente.
Do venres, 23, ao domingo, 25 de setembro, Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Neda, Sada e Valdoviño converteranse en anfitrións do Festival Internacional de Entes Animados na súa cuarta edición; un evento que vén de ser presentado onte no teatro Jofre cos diferentes representantes municipais involucrados, entre eles a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e que supón unha boa oportunidade para achegarse a artistas de alta calidade vencellados á arte dos monicreques
Desta maneira, dentro das 20 actuacións que integran toda a programación cultural do festival, Ares contará con dúas datas de organización:
O venres, 23 de setembro, ás 19:00 horas, a italiana Irene Vecchia Burratini, titiriteira e directora de obradoiros para profesionais de teatro e nenos, recalará na Alianza Aresana co seu espectáculo A Lúa e Pulchinella.
Tamén dende Italia chegará Di Filippo Marionette, interpretando o título Corazóns de madeira o sábado, 24 de setembro, ás 18:30 horas no Centro Cultural Outeiro de Chanteiro.