Arrancan as obras de rehabilitación do lavadoiro de Bulleiro, en Lubre

Comparte esta nota de prensa

A intervención recuperará un lugar con interese etnográfico, en consonancia coa liña de traballo que se vén a desenvolver dende o Concello e que puxo en valor outros lavadoiros coma o de Baixolo.

Parten dun orzamento próximo aos 20.000 euros, con cargo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, e estarán listas a finais deste mes.

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar o inicio dos traballos no lavadoiro de Bulleiro, na área de Lubre, que permitirán a súa recuperación total e, en última instancia, a dignificación dun espazo de considerable valor etnolóxico e cultural, asociado ademáis á memoria colectiva da parroquia aresá.

Na actualidade, todo o conxunto arquitectónico sobre o que se intervén presenta un alto grao de envellecemento, incluíndo fisuras, manchas e grietas, e as solucións construtivas que amosa son alleas á contorna rural na que se inscriben. Desta maneira, as obras focalizaranse na mellora dos revestimentos e acabados empregando a pedra, ademais da instalación dunha varanda de madeira co obxectivo de armonizar a estética do lavadoiro tendo en conta o resto de elementos rurais que o circundan.

A maiores, os traballos rehabilitarán o vaso do lavadoiro e desembocarán nunha mellora en termos de seguridade e accesibilidade polas accións que se acometerán na súa entrada.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, aproveitou para salientar que este novo proxecto responde, en última instancia, “á planificación do goberno local centrada na recuperación de lavadoiros e outros espazos moi relacionados coa memoria de Ares. Tanto o de Baixolo, recentemente rehabilitado, coma o de Bulleiro son lugares que aínda contan con recordos e cun valor cultural que non podemos desestimar. Por iso seguiremos traballando proximamente nas súas dignificacións”.

O investimento total das obras ascenderá a preto de 20.000 euros, impostos incluídos, con cargo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e rematarán a finais deste mesmo mes de setembro.

Pódeche interesar