A intervención afectará ás escaleiras, a senda e a rampla de entrada e saída ó areal urbano, con deficiencias no estado da madeira que as conforman
O importe dos traballos ascende a 49.421,60 euros, sufragados entre o GALP Ártabro Norte e as arcas municipais.
A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar o inicio das obras para a mellora da accesibilidade e posta en valor da contorna da praia do Xuncal, no núcleo urbano de Ares, un dos puntos de maior número de visitantes e usuarios durante a época estival. A intervención contempla nunha renovación completa do acceso dende a Avenida de Os Castros, substituíndo as escaleiras, a senda e a rampla de madeira por unhas novas.
Estes traballos supoñen a continuidade da renovación anterior realizada na varanda do Parque Rosalía, coa mesma tipoloxía de materiais, e permitirá a mellora da seguridade e da accesibilidade, facilitando e fomentando un uso de calidade de toda a área.
O importe dos traballos ascende a 49.421,60 euros, sufragados entre o GALP Ártabro Norte e as arcas municipais.
Con esta e outras intervencións previas ou futuras, deséxase potenciar e favorecer un motor socioeconómico de primeira magnitude para a localidade, principalmente polo turismo mariñeiro, polo interese para a pesca deportiva e o gran uso que se desenvolve no areal. En última instancia, a eliminación de barreiras e a renovación de infraestruturas configurarán unha praia do Xuncal máis accesible e segura para toda a veciñanza e visitantes.