A actuación permitirá mellorar notablemente en termos de eficiencia enerxética, substituíndo as actuais luminarias por unhas novas de tipo LED.
Contan cun orzamento de 320.128,71 euros, repartidos entre fondos municipais e o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), e supoñen unha das últimas obras relacionadas coa modernización enerxética da vila
O núcleo urbano de Ares e de Redes xa perciben unha notable mellora na iluminación e visibilidade do espazo público. As obras de renovación de luminarias veñen de iniciarse esta mesma semana, segundo informou a Concellaría de Urbanismo da localidade, e xa se interveu en múltiples puntos de luz, substituíndoos por alumeado de tipoloxía LED
.
Trátase dunha actuación que se inscribe dentro dos proxectos medioambientais e enerxéticos comprometidos entre o Concello e o Goberno de España, xestionados a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a partir de dúas fases de execución.
Cun investimento total de 320.128 euros, repartido entre o mesmo IDAE e as arcas municipais, os traballos redundarán nun aforro enerxético para toda a contorna afectada. O prazo de execución é de aproximadamente dous meses e promoverá, en declaracións de Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, “unha mellora integral da eficiencia enerxética e un aforro no consumo. Son os piares do traballo que estamos a realizar dende o goberno local, mirando cara a sostibilidade medioambiental tamén nas nosas infraestruturas”.
No relativo a Ares, as obras serán vitais para deixar atrás as luces de vapor de sodio, consolidando as de tipoloxía LED, mais tamén arranxarán os cadros e cableados deteriorados e, finalmente, cambiarán os brazos en mal estado das luminarias por uns novos, incluíndo o escudo de Ares nos que se atopen no casco antigo da vila.
En Redes, o aparcamento e os accesos ó núcleo poblacional xa contan cunha renovación integral do alumeado, mais este proxecto afectará de igual maneira ao casco urbano da parroquia aplicando un sistema de retrofit que garanta o aforro enerxético e unha iluminación de calidade.
Unha localidade plenamente modernizada nos seus servizos básicos
Olimpia Marcos enfatizou que esta intervención, unha iniciativa inscrita na segunda fase de proxectos cofinanciados polo Ministerio de Transición Ecolóxica, “é o punto e seguido dun amplo proceso de renovación medioambiental”, coa instalación de novas luces que se realizou progresivamente ao longo de todo Ares e a posta en marcha de paneis fotovoltaicos en espazos de titularidade municipal. O conxunto das obras comprometidas co Ministerio supoñen unha inversión de gran volumen económico, próxima aos 760.000 euros, e que enfatizan o compromiso do Concello con esta tipoloxía de melloras ecolóxicas.
De igual maneira, a culminación desta renovación vencéllase con outros traballos urbanísticos que se están acometendo nas últimas anualidades, co obxectivo de contar cun municipio totalmente modernizado nos seus servizos básicos á cidadanía.
“Priorizamos estender as infraestuturas e mellorar as xa existentes o máximo posible; por iso renovamos os sistemas de abastecemento e saneamento no casco urbano, con maiores problemas no período estival, todos os servizos na área histórica do Porto ou, neste caso, o alumeado público”, expúxose dende a Concellaría de Urbanismo.