- A iniciativa, organizada por Concha Tejada coa colaboración do Concello, desenvolverase do 15 ao 17 de outubro cun programa de charlas, obradoiros, encontros e experiencias arredor do benestar e a alta sensibilidade.
- As entradas anticipadas xa están dispoñibles, baixo un prezo de 45 euros, ata o 31 de agosto ou ata completar as 30 prazas habilitadas.
As III Xornadas de Autocoidado para profesionais altamente sensibles impulsaranse, como xa aconteceu o ano pasado, na vila de Ares durante os días 15, 16 e 17 de outubro, achegando unha proposta orientada a persoas que desenvolven a súa actividade profesional ao servizo doutras e que tamén precisan incorporar o autocoidado e o descanso como parte fundamental da súa cotiandade.
A iniciativa, organizada pola emprendedora e divulgadora Concha Tejada coa colaboración da Concellaría de Cultura, contará cun máximo de 30 participantes e xa vén de abrir unha modalidade de reserva de prazas anticipada (45 euros) dispoñible até o 31 de agosto.
Baixo a pregunta “Quen coida de quen coida?”, esta terceira edición volverá poñer o foco nos retos que afrontan profesionais altamente sensibles de ámbitos moi diversos —como a educación, a enfermaría, a psicoloxía, os coidados, a creación artística ou o emprendemento— en contextos marcados pola produtividade, a présa e a conexión constante.
O programa principiará o xoves, 15 de outubro, cunha mesa redonda aberta arredor do autocoidado e o talento nas persoas altamente sensibles, dende a infancia ata a madurez. O venres 16 concentrará a programación principal con cinco charlas inspiradoras, un obradoiro orientado a potenciar fortalezas, espazos con produtos para PAS e tempos de descanso e encontro para favorecer a creación de redes.
Xa o sábado 17, a proposta sairá ao territorio cun paseo polo litoral de Ares e un aperitivo no establecemento Bocarte, no Mercado Municipal.
Toda a información actualizada sobre o programa, prezos, aloxamento e inscricións pode consultarse na páxina web de Concha Tejada Project: https://conchatejadaproject.com/.

