As Sereas das Mirandas e as Leoas do Guadalquivir: un irmanamento que vai máis aló do remo

Comparte esta nota de prensa

Os dous equipos centrados na rehabilitación do cancro de mama encontráronse hoxe en Ares para realizar unha sesión conxunta de entrenamento e entrar en contacto coa ría.

Ángela Claverol, Leoa do Guadalquivir, sobre o proxecto de remo adaptado: “Despois de tantas operacións, a vida párase. Pero a vida tamén da oportunidades aínda cando pensas que non hai máis”.

Durante esta mesma tarde, as instalacións do Club de Remo de Ares deixaron unha impronta particular: as mulleres que integran tanto o equipo galego coma o equipo sevillano de remo terapéutico realizaron unha xornada de convivencia que exemplifica as sinerxias entre ambos proxectos, incluíndo unha sesión de ergómetro conxunto e unha saída ao mar.

Así, a xornada entre Sereas das Mirandas e Leoas do Guadalquivir arrancou coa recepción por parte dos integrantes da iniciativa galega: Club de Remo de Ares, o propio Concello e a Universidade de Sevilla (US). Nesta recepción, Noelia Montero, concelleira de Deportes, agradeceu a implicación a todos os promotores, pero sobre todo salientou o seu desexo “de que o noso proxecto non fique só en Ares, senón que se estenda a toda Galicia coma unha forma de axudar na loita contra o cancro”.

José Montero Vilar, dende o Club de Remo, e Juan Gavala, investigador da Universidade de Sevilla, contextualizaron o xerme das Sereas, que beben do camiño aberto polo equipo andaluz. Montero Vilar aproveitou para facer fincapé na importancia de que un club humilde de remo, coma é o caso aresán, poida amparar unha iniciativa tan relevante na superación da doenza oncolóxica.

Antes de pasar ó entrenamento en ergómetro, xa conducidos por Juan Gavala, tomou a palabra Ángela Claverol, representante das Leoas, para lembrar que tamén elas, en Sevilla, acolleron o proxecto de remo adaptado con certas reticencias. Pero co paso do tempo, notaron as melloras que se estaban a producir en termos físicos e psicolóxicos.

“Despois de tantas operacións e quimios, a vida pode pararse. Pero nós cremos na vida, cremos que despois dun cancro aínda servimos. A vida dá oportunidades estupendas aínda cando pensas que non haberá máis. As Leoas foron un antes e un despois”, comentou Ángela Claverol.

AS LEOAS, UN EXEMPLO A SEGUIR NO PROCESO DE RECUPERACIÓN ONCOLÓXICO

O vencello entre as Sereas e as Leoas vai moito máis aló do vivido no día de hoxe. En realidade, o grupo de mulleres sevillanas puxo enriba da mesa, sobre o panorama nacional de tratamento oncolóxico, a incidencia positiva do remo adaptado, potenciando as zonas vulnerables e combatendo dende o colectivo, dende a unión e o apoio mutuo, a desesperanza, os medos e o posible desánimo.

A través do monitoreo da súa condición física realizado polo profesor da Universidade de Sevilla, Juan Gavala, as Leoas amosaron unha nova concepción da rehabilitación; unha onde o remo adaptado aportaba melloras a nivel cardíaco, de esforzo e de tensión arterial. Mais os resultados dos estudos arroxaron cambios non só a nivel físico, tamén psicolóxico: a recuperación de certas actividades que antes semellaban imposibles permitiu aumentar a autoestima e mellorar a autopercepción da súa calidade de vida.

Nesa liña motivaron as Leoas ás Sereas, de cara a que sigan traballando na procura dunha transformación completa, achegando un espazo de apoio que vai máis aló de Ares. Unha oportunidade para toda a comarca que está aberta a máis incorporacións dende este formulario: https://forms.gle/7fXemJApvSe22jxTA

 

Pódeche interesar