As vinte mulleres que forman parte do programa “Muller Dixital” iniciaron hoxe a súa formación na Casa da Xuventude

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares puxo hoxe en marcha o programa “Muller Dixital”, unha iniciativa destinada a mellorar as competencias dixitais de mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego.

O programa que se impartirá durante varias semanas na Aula CeMIT da Casa da Xuventude conta tres cursos gratuítos, cada un con 40 horas de formación, que abarcan desde habilidades básicas ata avanzadas no uso da tecnoloxía. O primeiro curso enfócase en competencias dixitais básicas, o segundo curso en competencias dixitais para o emprendemento e o terceiro curso en competencias dixitais avanzadas. Estes cursos buscan proporcionar habilidades tecnolóxicas para acceder á información, crear contidos, comunicarse, resolver problemas e aproveitar o potencial da tecnoloxía na vida cotiá.

Ao finalizar cada formación, as participantes recibirán unha tablet para uso persoal. Ademais, os cursos están homologados a través de certificados emitidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o que outorga un recoñecemento oficial ás competencias adquiridas.

Este programa está financiado pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A concelleira de Benestar, Vitoria Montenegro, salientou que o programa “Muller Dixital” é esencial para fomentar a igualdade de oportunidades, empoderar ás mulleres e mellorar a súa empregabilidade no mercado laboral dixital actual. Montenegro tamén destacou que o programa contribuirá á conciliación da vida persoal e laboral das mulleres participantes, grazas ás ferramentas tecnolóxicas que se lles proporcionarán.

Pódeche interesar