Bueu e Ares estreitan lazos a través do millo corvo

Comparte esta nota de prensa

O concello aresán achou unha antiga receita que realizaban os monxes do Mosteiro de Santa Catalina con esta tipoloxía de millo dentro do libro “En la falda de la bailadora”, unha obra literaria que describe lugares e tradicións de Cervás e do Mosteiro.

O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias Redondo, recepciou onte a unha comitiva de Bueu para fomentar o intercambio de coñecemento, máis tendo en conta a experiencia do municipio pontevedrés na celebración da Festa do Millo Corvo.

Ao longo da mañá de onte, o rexedor de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, acompañado de representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, recibiu a Félix Juncal, alcalde de Bueu; Xosé Leal, concelleiro de Cultura do mesmo municipio e a Victoria Martínez, presidenta da Asociación Sociocultural de Meiro, na súa visita a Ares para comezar a compartir experiencias e aprendizaxes na plantación do millo corvo.

É precisamente este tipo de millo, un cereal de cor negra característico de Galicia e xa empregado dende fai séculos na elaboración de diferentes pratos, o que vén de conectar aos dos municipios. A lectura da obra En la falda de la bailadora, atribuido inicialmente a Carlos Rodríguez Cartelle (mais cunha autoría aínda dubidosa e en proceso de contraste), desvelou a existencia dunha antiga receita que realizaban os monxes do Mosteiro ubicado en Montefaro co millo corvo, elaborando así un dulce, a Torta ou Roda de Santa Catalina, que se desexa recuperar na actualidade.

Como chegaron en teoría as mazarocas de millo corvo, típicas de, entre outros lugares, a contorna da aldea de Meiro ata Ares? A lenda fala dun contacto primixenio entre un mariño bueuense e os propios monxes de Santa Catalina; o mariño, afectado por unhas feridas, achegouse ata o mosteiro para solicitar axuda e curación, e así o fixeron os relixiosos cos que falou. En agradecemento, o mariñeiro regalou millo corvo ós frades, que arrancaron cunha plantación propia que se perdeu co paso de tempo, esquecéndose ata o achado da obra En la falda de la bailadora, un manuscrito literario no que se describen lugares e tradicións da parroquia de Cervás, onde está ubicado o Mosteiro, e que será reeditado pola área municipal de Cultura.

A partir dese momento, estableceuse unha relación entre Bueu e Ares que derivou no presente proceso de intercambio cultural: o municipio pontevedrés, que celebra a Festa do Millo Corvo en Meiro e xa conta con experencias exitosas na plantación desta variante do millo con considerable interese etnográfico e histórico, axudará ao Concello de Ares e á Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina no futuro cultivo do cereal.

Achegará as experiencias, as técnicas artesanais e o coñecemento que veñen desenvolvendo na súa localidade para acadar un obxectivo xa común entre Bueu e Ares: traer de novo a histórica receita ata as pastelerías aresáns e apoiar a plantación dunhas mazarocas cuxas orixes se remontan ata os albores do século XVII.

Pódeche interesar