A concelleira de Igualdade, Victoria Montenegro, presentou esta mañá a nova edición da iniciativa, unha andaina que amosa o camiño percorrido e todo o que aínda queda por avanzar a prol dos dereitos das mulleres.
A iniciativa precisará de inscrición previa, que será totalmente de balde e de xeito telemático a través da páxina web do Concello, www.concellodeares.gal, e habilitarase xa mañá, 8 de febreiro.
A casa consistorial aresán acolleu na mañá de hoxe a presentación de Camiña pola Igualdade, a iniciativa que organizan conxuntamente as Concellarías de Igualdade e Deporte para celebrar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
As edís das dúas áreas, Victoria Montenegro e Alma Barrón, xunto con Lucía Blanco e José Juan Vilar, tamén integrantes do goberno local, presentaron os dous percorridos que integran este evento con trasfondo simbólico: camiñar pola vila para lembrar a senda que xa se transitou en materia de igualdade, pero tamén todo o que aínda falta por progresar na sociedade actual. A práctica deportiva de Camiña pola Igualdade conta así cun marcado acento conmemorativo e reivindicativo.
Durante a mañá do sábado, 9 de marzo, a vila acollerá dúas andainas de diferente extensión. A primeira ruta, ás 10:00 horas e de 10 quilómetros, trátase dun itinerario de dificultade media-baixa que discurrirá pola costa de Ares cara Redes, até acadar a Praza do Pedregal e logo volta ao núcleo aresá pola costa, cruzando a praia do Raso. Poderá sumarse toda aquela persoa maior dos 10 anos e tamén estarán permitidas as mascotas.
No tocante á segunda ruta, denominada coma “O quilómetro da igualdade”, organizarase un itinerario de dificultade baixa, accesible para todo o mundo ao transitar por terreo eminentemente chan, dende o paseo marítimo até a Praza da Constitución. Arrancará ás 12:30 horas e contará cunha extensión aproximada aos 1.000 metros.
As dúas andainas confluirán na Praza da Constitución, o espazo que centralizará a actividade da marcha reivindicativa, e alí se procederá a un avituallamento líquido-sólido, á entrega dun agasallo conmemorativo da xornada e, xa coma peche, a lectura dun manifesto a prol da igualdade e unha solta de globos.
INSCRICIÓNS ABERTAS DENDE MAÑÁ, 8 DE FEBREIRO
Dende as Concellarías de Igualdade e Deportes fan fincapé no proceso de inscrición, fundamental para levar unha previsión de participantes e esixencias organizativas. Participar é totalmente de balde en ambos itinerarios, mais será preciso inscribirse previamente na páxina web institucional: www.concellodeares.gal, onde estará dispoñible un formulario telemático.
A maiores, o Departamento de Servizos Sociais de Ares tamén dá a posibilidade de tramitar a inscrición de forma presencial no horario cotián de traballo. Haberá a posibilidade de sumarse a Camiña pola Igualdade até o 6 de marzo ás 14:00 horas.