O propio 8 de marzo, o Concello organizará unha andaina con dous itinerarios distintos pola vila, de 10 kms e 1 km, coma acto de celebración da efeméride. Ao peche, farase a lectura dun manifesto reivindicativo a prol da igualdade.
As inscricións serán totalmente de balde ata o 3 de marzo e de forma totalmente telemática vía concellodeares.gal, abríndose hoxe, 18 de febreiro, a partir das 15:00 horas.
A concelleira de Igualdade, Victoria Montenegro, xunto coa edil Lucía Blanco, a técnica de Servizos Sociais Lucía Regueira e Alberto Pérez, da Asociación Bimares, axente colaborador na iniciativa a maiores de Protección Civil de Ares, o Grupo de Gaitas Aresán e Familia, presentaron esta mañá ‘Camiña pola Igualdade’, a proposta municipal para celebrar o Día Internacional da Muller que se celebrará o mesmo 8 de marzo na localidade de Ares.
Deste xeito, o deporte volverá ser un eixo da conmemoración desta data con tanta relevancia para a sociedade. Dende o Concello propóñense dous itinerarios dentro da iniciativa da Concellaría de Igualdade, os dous deseñados co mesmo simbolismo: camiñar para salientar o que se avanzou, pero tamén o que queda pendente de transitar a prol da igualdade de xénero.
Durante a xornada do 8M, a Praza da Constitución aglutinará toda a actividade, pois dende alí se centralizará a organización e se pechará o evento coa lectura dun manifesto, leído pola Asociación Concepción Arenal, que reivindique a loita pola ampliación dos dereitos das mulleres.
O percorrido máis longo, ‘Camiñemos xuntos’, contará cunha distancia de aproximadamente dez quilómetros e unha dificultade baixa-media, establecendo un itinerario que transitará a parroquia de Caamouco deseñado para maiores de 10 anos e nos que se poderá acudir con mascota. Principiará ás 10:00 horas na Praza da Constitución.
A segunda proposta, O quilómetro da Igualdade, organízase co obxectivo de achegar un roteiro máis accesible, de carácter integramente urbano polo núcleo de Ares, entre as rúas interiores e o paseo marítimo da localidade, cunha dificultade baixa e un quilómetro de extensión. Comezará na Ponte da Ciscada ás 12:15 horas.
Así, os dous itinerarios rematarán preto das 12:30 h na Praza da Constitución, onde poderán realizar outro avituallamento líquido-sólido e recibir o agasallo conmemorativo da xornada.
INSCRICIÓNS TELEMÁTICAS
Xunto coa presentación desta mañá, dende o Concello tamén anunciaron a posta en marcha do proceso de inscricións para os dous itinerarios de Camiña pola Igualdade, que será totalmente telemático cubrindo un formulario na web www.concellodeares.gal.
Dende hoxe, 18 de febreiro, até o luns, 3 de marzo ás 15:00 horas, abrirase a posibilidade de reservar praza. A participación é totalmente gratuíta e só será preciso levar roupa cómoda e calzado axeitado.
Ligazón de inscrición: CAMIÑA POLA IGUALDADE!