Cen preguntas esenciais para entender o transhumanismo na próxima presentación literaria en Ares

Comparte esta nota de prensa

Manuel Sanlés chega ao municipio aresá para presentar a súa obra ‘El transhumanismo en 100 preguntas’, un libro que reflexiona con fondura arredor dos cambios que afrontará o ser humano na súa relación coa tecnoloxía.

O acto celebrarase o vindeiro 10 de xaneiro ás 19:30 horas no salón de actos da Alianza Aresana, coa presenza da concelleira de Cultura, Alma Barrón.

Pode a humanidade acadar a capacidade de redeseñarse a si mesma a través da tecnoloxía, ampliando as súas capacidades físicas e intelectuais? Como poderemos relacionarnos cunhas intelixencias artificiais cada vez máis libres? Estas son algunhas das cuestións de fondo filósofico que se poderán debater na presentación do libro ‘El transhumanismo en 100 preguntas’, de Manuel Sanlés Olivares.

O vindeiro venres, 10 de xaneiro, a partir das 19:30 horas, o autor conversará con Alma Barrón, concelleira de Cultura, arredor da súa obra, un conxunto de reflexións en formato de pregunta-resposta arredor do transhumanismo e os dilemas tecnolóxicos –e, polo tanto, tamén sociais, económicos, políticos e filosóficos- do século XXI.

El transhumanismo en 100 preguntas’ aborda os principais cambios que deberá afrontar o ser humano mellorado tecnoloxicamente, incorporando dispositivos que aumenten as súas capacidades físicas, psicolóxicas e intelectuais, dende unha perspectiva ética, amais de pensar o vínculo coas intelixencias artificiais. Todo baixo unha linguaxe divulgativa para favorecer o intercambio de coñecemento.

Manuel Sanlés Olivares é licenciado en Filosofía e Ciencia da Educación pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e na actualidade é Profesor do Colexio Altair Internacional na mesma cidade, despois de traballar na Ensinanza Secundaria en centros educativos de Navarra ou País Vasco. Tamén exerce de presidente da Sociedade Española de Profesores de Filosofía (SEPFi).

Pódeche interesar