- A exposición, que estará dispoñible até o 11 de abril, amosa o mellor do fotoxornalismo galego a modo de crónica do territorio, salientando os grandes acontecementos que viviu a sociedade nos últimos tempos.
- Poderá visitarse en horario de mañá, de luns a venres, e tamén pola tarde nesa mesma xornada.
A Concellaría de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol inauguraron na tarde de onte a última exposición de Galicia en Foco, unha mostra fotográfica que acada a súa 33ª edición e que xa se atopa dispoñible no andar superior da Casa da Xuventude de Ares.
Ata alí se desprazaron Alma Barrón, edila de Cultura, e representantes do Club de Prensa ferrolán, entre eles a súa presidenta, Julia Díaz Sixto, para explorar o conxunto de imaxes que retrataron os principais acontecementos vividos nos últimos tempos en Galicia. Constataron o obxectivo final da exposición: a visibilización da gran calidade do fotoxornalismo galego que se desenvolve diariamente nos medios de comunicación.
Baixo unha perspectiva completa, Galicia en Foco transfórmase nunha crónica visual da vida, a cultura, a sociedade e as tradicións do territorio, sempre da man da óptica dos fotoxornalistas. De feito, a mostra axuda a recoñecer o seu labor e profesionalidade, divulgando os nomes e pezas deste reporteirismo gráfico que tan ben documenta a Galicia contemporánea. Na propia Casa da Xuventude atópase o traballo de Brais Lorenzo, que gañou o galardón de Foto do Ano dentro desta 33ª edición, ou de Iñaki Abella, cunha serie en prensa tamén premiada.
Veciñanza, comunidade educativa e amantes da fotografía poderán valorar tanto as instantáneas expostas como a realidade sociocultural que encapsulan até o 11 de abril, en horario de mañás de 10:00 a 13:00 h. (de luns a venres) e de tardes de 19:00 a 21:00 h. (só os venres).