Chega á vila a primeira charla divulgativa da Academia AresXSalud

Comparte esta nota de prensa

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o vindeiro 8 de novembro ás 19:00 horas a ponencia do psicólogo Antonio Rial Boubeta “Uso saudable e responsable da tecnoloxía na infancia e adolescencia”.

Destínase a pais, nais, adolescentes e toda persoa que traballe con menores no seu día a día, dende profesorado a adestradores ou monitores de ocio e tempo libre.

As Concellarías de Deportes e de Benestar programan a próxima semana a primeira das charlas divulgativas inscritas na Academia AresXSalud, o amplo programa educativo para aprender a incorporar hábitos saudables na cotiandade da man de diferentes especialistas.

A Alianza Aresana transformarase en espazo de divulgación o 8 de novembro ás 19:00 horas, cando se achegará ao municipio o Doutor en Psicoloxía Social Antonio Rial Boubeta para debullar a relación que se constrúe na actualidade entre os menores e os dispositivos tecnolóxicos.

“Uso responsable e saudable na tecnoloxía na infancia e a adolescencia” é o título desta primeira charla divulgativa, unha panorámica dos principais problemas asociados a un emprego temperá de teléfonos móbiles, consolas ou ordenadores. Rial Boubeta tamén explicará o impacto das redes sociais, sobre todo de Instagram, ou de figuras referentes para os menores como youtubers e influencers nas súas autoestimas, identidades e desexos.

Ademais, haberá tempo para dar algunhas pautas sobre as opcións que teñen os pais e nais para supervisar o uso das redes sociais na adolescencia, reflexionar sobre a tiranía do selfie e facer un emprego máis saudable das pantallas.

A sesión educativa destínase a nais, pais, adolescentes e toda persoa que traballe con crianzas e adolescencia nos seus eidos profesionais (profesores, adestradores, monitores…). Non é necesario reserva previa e é totalmente de balde.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,