Esta mesma semana empezaron as obras, que permitirán reformar un espazo de interese patrimonial, edificado en 1696, a través dun investimento de 121.527 euros, IVE incluído, asumido entre os fondos municipais e o POS+2021 da Deputación da Coruña.
A concellaría de Urbanismo anunciou que a principios desta semana arrancaron os traballos que permitirán o acondicionamento interior da Reitoral de Ares. A concelleira, Olimpia Marcos, informou que a intervención realizarase seguindo a liña de proxectos anteriores, que incluíron a rehabilitación da cuberta e exteriores do edificio.
Nesta ocasión, as obras centrarase na reforma do interior, co obxectivo recuperar o seu esplendor orixinal, incorporando actuacións en elementos como a tabiquería, a carpintería interior e exterior, o chan, a fontanería, a electricidade e a iluminación. A reforma permitirá aumentar a superficie útil da Reitoral, pasando dos 171,13 metros cadrados actuais aos 277,09 metros cadrados despois do proxecto, grazas á ampliación da planta superior.
Con todo, conservaranse elementos orixinais do edificio, como a envolvente exterior, a estrutura da cuberta, o muro interior de separación de espazos, as portas de cantería, os recercados das xanelas e portas, e o patín de entrada con escaleiras, que é un elemento distintivo do inmoble e un dos tres existentes en todo Ares.
Unha vez finalizadas as obras, a Reitoral de Ares converterase nun espazo de uso público, que será utilizado para unha ampla variedade de eventos e actividades, tanto culturais como sociais.




