O consistorio de Ares acolleu esta mesma mañá o encontro que mantiveron o alcalde, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e a concelleira de Cultura, Alma Barrón, co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, acompañado da Xefa da Sección de Turismo da institución provincial, Maite Loureiro, e equipo técnico vencellado co Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Patrimonio Militar da Costa Ártabra.
Os representantes de ambas entidades puxeron en común as súas análises relacionadas co impulso de melloras na contorna da Bailadora, coordinando os esforzos e planificacións de Concello e Deputación da Coruña de cara a evitar duplicidades de financiamento en proxectos relacionados con fondos NextGeneration da Unión Europea.
De igual maneira, na reunión técnica tamén se estableceron as referencias á hora de deseñar futuros convenios de actuación, documentos fundamentais para materializar as actuacións de mellora da práctica turística na vila.