Construccións Indianas
Son moitas as pegadas que algúns antepasados, emigrados a Cuba, deixaron neste pobo. Moitos aresáns deixaron as súas terras e marcharon dun país que só ofrecía fame e pobreza, pero nin estando tan lonxe do seu lugar natal esquecían aos seus paisanos. De tal maneira que en 1904 crean na Habana a “Alianza Aresá de Instrución” e comezan a darlle importancia á instrución e fomentan a construción de escolas e bibliotecas como a “Alianza Aresá” que “terá por obxecto exclusivo (…) o fomentar e propagar o ensino gratuíto entre as clases pobres e menos acomodadas da vila de Ares”. En honra a eles celébrase a festa Indiana, porque todo é pouco para a quen tanto debemos.
Escolas Indianas
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Escola das nenas Alianza Aresana - 1955
A educación das nenas comezou máis tarde que a do sexo masculino, pasando así de ver á muller co rol de nai e esposa a unha axente máis da emigración. A súa construción alcanzou as 350.000 pesetas e do mesmo xeito que o resto de escolas o seu financiamento viña dado ben de maneira individual polo emigrante cubano ou polas cotas dos socios das Sociedades de Instrución.
Entre un 65% e un 70% de analfabetismo marcaba o ámbito social entre finais do século XIX e o primeiro terzo do século XX. A educación pasaba a un segundo plano e había un gran abandono por parte da Administración, sumado ás malas condicións para a docencia.
Foi así como os veciños emigrados a Cuba, con gran formación tanto educativa como social comezan a crear sociedades, chamando á primeira “A Aresá”. Era tanta a preocupación que chegaron a rexistrarse 225 colexios en toda Galicia fomentados polos que hoxe unicamente temos palabras de agradecemento. No municipio consérvanse aínda os edificios de cinco escolas que permitiron a educación de nenos e nenas no século XX.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Centro Instructivo, Social e Recreativo - Cervás - 1925
Aínda que cambiou levemente o seu aspecto desde a súa construción, o Centro Instructivo, Recreativo e Social de Cervás é unha das xoias cubanas que permanecen a día de hoxe no pobo.
Foi construída como escola nacional e pouco despois na guerra civil cando pasou a ser unha escola falanxista.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Agrupación Instructiva de Redes e Caamouco - 1915
A construción desta escola é diferente ao resto, destacan as súas enormes ventás, que alcanzan case de arriba a abaixo do edificio. A súa construción alcanzou as 18.750 pesetas e conservando a tradición, aínda hoxe continúan utilizando as bandeiras galega, cubana e española en actos oficiais. |
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Escola da Alianza Aresana - 1908-1936
Cinemas - Salóns e outras construccións
Os cinemas e os salóns de baile eran lugares onde se realizaba unha vida socio-cultural moi importante. Antigamente era común atopar tres cinemas nun mesmo pobo, sendo agora algo impensable. En Ares consérvanse ambos os edificios dos que podemos ver a súa destacada e inigualable arquitectura.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Salón de Baile de América - Redes - 1905
De maneira xeral os salóns de baile tiñan unha estrutura moi sinxela: planta rectangular e cunha soa planta. Aínda que non fose o caso de Ares, nos lugares nos que non había cinema, nos salóns tamén se proxectaban películas.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Lavadoiro “O Río Novo” - Redes
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Radio Cine en Ares - 1946
Do mesmo só se conserva a fachada, moi fiel á construción primitiva. Foi Nicolás López quen ao regresar de Cuba compra a vivenda e convértea en cinema, chamando especial atención as súas xanelas circulares.
Casinos Indianos
Os casinos pretendían adecuar a vida do emigrante retornados con fortuna, dando lugar así á súa nova forma de vida, sendo xeralmente rentistas con moito tempo libre. Tiñan a finalidade que conservan actualmente: lugares de reunión onde unha sociedade organiza actividades diversas co fin de proporcionar aos seus socios entretemento e diversión, fomentando así as relacións sociais. Lamentablemente os dous casinos que se construíron nesta época non se conservan.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Casino de Redes (desaparecido)
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Casino de Ares (desaparecido)
Construccións relixiosas
Era algo común que os indianos volvesen cunha ideoloxía laica, por tanto non daban tanta importancia á arquitectura relixiosa, de feito, a pouca que se conserva no pobo destaca por apenas ter elementos ornamentais. A principal razón pola que existen restos relixiosos é porque os emigrados pretendían un recoñecemento social, algo que conseguían con doazóns de terreos e en ampliacións do cemiterio.
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Tumba Ramón Caínzos - Cemiterio de Cervás
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Cemiterio Civil de Ares
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Reloxo da Igrexa San xosé de Ares
![](https://concellodeares.gal/wp-content/plugins/elementor/assets/images/placeholder.png)
Cemiterio de San Vicente de Caamouco
Vivendas Indianas
VIVENDAS
Se en algo destaca a pegada cubana en Ares é na construción de vivendas indianas que aínda hoxe dan beleza ás rúas do municipio. A maioría están habitadas e cumpren a mesma función para a que foron construídas. Deixan ver a súa condición de indianas na ornamentación e o embelecemento das fachadas, xogando un papel importante as galerías. Algunhas captan máis a atención que outras, ben polo seu tamaño, pola súa localización ou por contar con máis ornamentación.
Outras construccións
Ponte da Ciscada | É unha ponte de orixe romana que recibe a todo visitante na entrada principal do municipio. Data do século XVI e a súa sinxeleza fai que sexa de gran atractivo para a toma de fotos. A súa proximidade á praia e a súa localización na alameda fan do mesmo a emblemática ponte da vila. |
Cruceiro de Chanteiro | Os cruceiros foron sempre un aceno de identidade para a paisaxe galega. Castelao dicía que un cruceiro é “un perdón do ceo”, pois segundo o escritor galego os cruceiros eríxense para facerse perdoar algún pecado. Na estrada que conduce á enseada de Chanteiro pode verse un de grandes dimensións e é dos poucos que se conserva en Ares. |
Porto de Redes | Redes é o porto pesqueiro máis pintoresco das Rías Altas, conserva a súa cultura e tradición para que todo aquel que visite o porto namórese dos seus destacados recunchos. As casas están en plena beira do mar e os mariñeiros amarran as súas embarcacións ás portas usando o limiar como embarcadoiro. O seu topónimo procede dun tradicional costume dos pescadores, xa que antigamente, tras recoller a pesca do día, colgaban as redes para secar sobre unhas estacas (cabrias) colocadas no porto e que aínda se conservan. |