Convócase un curso de socorrismo acuático aberto á veciñanza de Ares e o resto da comarca de Ferrolterra

Comparte esta nota de prensa

  • A formación, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña, contará con 120 horas lectivas e desenvolverase entre setembro e decembro de 2026.
  • O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto até o luns 13 de xullo, a última xornada para formalizar a inscrición.

 

As persoas maiores de 18 anos empadroadas no Concello de Ares poderán concorrer á convocatoria dun novo Curso de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A iniciativa, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña, ofrecerá un total de 120 horas de formación entre os meses de setembro e decembro de 2026. A superación do curso habilitará as persoas participantes para desenvolver profesionalmente servizos de socorrismo.

Poderán optar á formación as persoas maiores de idade que figuren empadroadas, con anterioridade á publicación da convocatoria, nalgún dos concellos integrados no destino turístico de Ferrolterra: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.

Ademais de cumprir cos requisitos establecidos na convocatoria, as persoas aspirantes deberán superar unha proba de acceso para incorporarse ao curso.

A formación será gratuíta, aínda que as persoas finalmente seleccionadas deberán realizar un depósito previo de 50 euros, importe que lles será devolto unha vez rematado o curso nos termos establecidos nas bases.

O prazo para presentar solicitudes estenderase até o luns, 13 de xullo, o último día para formalizar as instancias.

Toda a información detallada sobre os requisitos, a documentación necesaria e o procedemento de inscrición pode consultarse na seguinte ligazón: https://comarcaferrolterra.wordpress.com/2026/06/23/convocatoria-de-curso-de-socorrismo-2026/.

Pódeche interesar