O Parque Rosalía de Castro actuou este pasado domingo, 13 de xullo, como escaparate dalgúns dos principais proxectos emerxentes da nosa comarca. Fíxoo dentro da I Mostra Pop-Up de Ares, unha feira destinada a divulgar marcas de proximidade que están nacendo ou consolidándose e que se materializou a partir da alianza entre o Concello e Martobags -creada pola nosa veciña Yasmina Martínez-.
Durante toda a xornada, o público coñeceu de preto os traballos deste conxunto de creadores e creadoras que mesturan artesanía con innovación dentro do mundo da moda, os complementos e a xoiería. Para acompañar o evento con música en directo estivo o DJ Cris Ramos e tamén houbo marxe para unha proposta saudable coa venda de froita fresca grazas a Amoras.
Así, no Parque Rosalía instalaron os seus stands e atenderon aos asistentes proxectos como Studio Grelo, Marea Sunset, Emma Bracelets Jewelry, Waves, Alma Diversa, Meraki Brand, Betrayed Clothing, Bestas, Emma Clothes Fashion ou Cristina Permuy; unha auténtica mostra de todo o que se está a xestar en Ferrolterra en termos de emprendemento e estilo.
Ares foi, en esencia, un fervedoiro de persoas creativas, moda e moito talento!