O municipio conmemorou durante o pasado venres o 122º aniversario da Alianza Aresana de Instrucción, unha institución fundamental para comprender o desenvolvemento educativo, social e cultural de Ares ao longo do último século.
A xornada comezou pola mañá cunha ofrenda floral na Praza de Domingo Troche, lembrando a figura dun dos impulsores da entidade e primeiro presidente da agrupación. Durante o acto tamén houbo repique de campás e a lectura da acta fundacional da Alianza, convidando á veciñanza a participar nun momento simbólico de memoria colectiva.
Xa pola tarde-noite, a música puxo o broche á celebración co concerto de Paty Lesta (voz) e Cristian Leggiero (piano), unha proposta que percorreu diferentes sons vinculados á tradición galega e ao diálogo cultural entre Galicia e os territorios de emigración.
Fundada en 1904 na Habana, a Alianza Aresana de Instrucción representou un fito pioneiro na democratización da educación en Galicia, impulsando un proxecto educativo pensado para as clases populares e deixando unha pegada profunda na historia da nosa localidade.
🤝 As actividades organizadas polo Concello enmarcáronse na Rede Cultural da Deputación da Coruña.










