CABRIAS

Hai quen se pregunta que son esas estruturas de madeira que presiden a praia de Area Morta á beira da rampla do Pedregal, na vila de Redes. Algunha cazadora de mitos podería pensar que se tratan dos restos dalgún tipo de porta cerimonial antiga, ao estilo das portas dos templos chineses ou os arcos do triunfo romanos.

Pero nada máis lonxe da realidade. Ese misterio só explícase porque estes elementos que presidiron durante séculos a franxa costeira da vila de Redes permanecen baleiros todo o ano, realizando o seu labor tan só uns poucos días do mes de agosto, na Festa da Cabria de Redes.

As denominadas cabrias son construcións feitas a partir de cinco longas varas, tres verticais e dous horizontais, tamén chamadas entenoles. Cal era o seu labor?

As longas redes que se usaban na pesca da sardiña debían secarse ao regreso da marea, pois o algodón do que estaban feitas podrecía co salitre da auga salgada. Foi por iso polo que a xente que se dedicaba a este traballo duro terminaron por erguer as cabrias, desafiando con imaxinación e enxeñería a falta de espazo que había na costa de Redes para este labor.

Ao regreso da marea, ás veces cantando, ás veces en silencio, dependendo de se a pesca fora boa ou mala, un dos mariñeiros subía polos chanzos dunha das varas verticais ata a cabria, mentres que o seu compañeiro, abaixo, situaba a lancha diante, coa rede en popa.

Con extremo coidado, a rede subíase ata a vara horizontal superior, colocando os panos para que quedasen ben abertos e estendidos, para que o sol e a brisa puidesen facer ben o seu traballo e as valiosas redes seguisen cumprindo o seu labor esencial.

A chegada das redes de nailon, o descenso das capturas e os procesos industriais que durante décadas transformaron por completo a economía das rías de Ares e Ferrol fixeron que as cabrias fosen desaparecendo da costa.

Actualmente, todos os meses de agosto, ten lugar en Redes a Festa da Cabria, organizada pola incansable Agrupación Instructiva de Caamouco, para a cal se reconstruíron as cabrias que hoxe en día podemos ver esperando, baleiras durante todo o ano, a que chegue ese día tan especial.

Ese día no que tanto nenas como nenos, mulleres e homes volven rubir por elas para darlles nova vida.

E ese día, o nome de Porto das Redes cobra un novo sentido, pois hai quen di que era esa vista das cabrias desde o mar a que lle outorgou a esta parte do mundo o nome que exhibe con orgullo, lembrando o instrumento que deu para comer a tantas xeracións dos seus habitantes. As Redes do Xeito, da pesca da sardiña.

 

Pedregal e praia de Area Morta

Antes do que hoxe vemos, todo o porto de Redes estaba cheo de cabrias.

Hoxe, grazas ao esforzo colectivo, podemos ver varias recreacións delas.

As antigas eran de madeira de castaño, con dous paus verticais e uns apoios horizontais ou entenois, o que serían os balcóns da cabria. Os dous paus horizontais son para andar (polo lado de dentro) e para colgar as redes (polo lado de fora).

A singularidade da vila, con casas que dan ao mar, xunto coas redes de cánabo ou algodón, fixeron nacer a necesidade deste recurso para secar os aparellos que, de non ser así, estragaríanse. A chegada do nailon fai que as cabrias vaian caendo pouco a pouco en desuso, xunto coa estampa dos mariñeiros e rapaces colgándoas e dándolles a volta, movendo cara adiante e cara atrás, cun ollo posto no subir e baixar das mareas.

Dende fai anos, celébrase en Redes a Festa da Cabria. Nela podemos ver ás novas xeracións palmeando os aparellos e non deixando morrer a memoria.

Helena é unha das nenas que participa dende pequena na festa, é unha especialista á que da xenio escoitar pero se cadra, esa xa é outra historia…

Para saber máis terás que escoitar a audioguía que podes atopar aquí:

Un de Santiago, unha de Mugardos, e un de Lugo, pasean por Redes. Que nos poderán contar eles que nós non saibamos?