O mercado municipal de Ares atópase no centro do casco urbano (Franxa, s/n, 15624) da propia vila e supón un elemento nuclear na promoción do produto local e de proximidade, interconectando o tecido empresarial da vila coa veciñanza e mantendo a actividade económica dunha maneira tradicional.  O horario de apertura para toda persoa interesada en achegarse é de luns a sábado, de 08.00 a 14.00 horas, e convértese nunha boa oportunidade para coñecer o produto local de Ares.

Durante estes últimos anos, o mercado municipal foi aumentando a súa oferta de servizos ata acadar a situación actual, revitalizándose coa incorporación dun maior número de tendas. A diversificación das tipoloxías de negocios que se acollen no mercado foi clave nesta recuperación e permite que, na actualidade, a veciñanza poida acceder a unha peixaría, florería, froitería, tenda de ultramarinos, freiduría/bar e tenda de produtos de degustación.

En específico, o mercado municipal de Ares conta coa seguinte oferta de postos e servizos:

  • Gastrobar Bocarte, centrada en ofrecer restauración ós compradores/as que se acheguen ó mercado.
  • Pescadería Elena, que promove a venda de produto de mar de proximidade, enfatizando a riqueza marítima de Ares.
  • Alimentación Uxía, tenda centrada no abastecemento de múltiples tipoloxías de produtos diarios do sector alimentario.
  • Petiscos da Terra, que oferta unha ampla gama de produtos locais tanto aresáns coma galegos gourmet, complementando o resto de postos municipais, e un servizo de chacinería.
  • Manolo Froitería Mar, focalizado en hortalizas e froitas de plantación e recollida local, amais dalgúns produtos de florería.

Do conxunto de praceiros/as, Petiscos da Terra é a última incorporación ó mercado, cunha clara vinculación coa promoción de bens de calidade local. Ademais, ata o de agora, só queda pendente de adxudicación o último posto para cubrir a totalidade de prazas asignadas.

Algunhas das vantaxes de comprar no mercado municipal de Ares

O mercado municipal promove e mantén as relacións de consumo de proximidade, dando unha oportunidade de interconectar ás pequenas empresas locais de Ares coa veciñanza interesada en achegarse ó produto da zona.

O-valor-do-noso-mercado_1
O-valor-do-noso-mercado_5
O-valor-do-noso-mercado_4

Entre as vantaxes de comprar no mercado municipal, podemos atopar:

  1. O trato personalizado e especializado, cuns postos que coñecen de primeira man o seu produto, mais tamén as necesidades e gustos dos veciños e veciñas de Ares, personalizando o trato en función deste coñecemento.
  2. A xeración de emprego e ingresos locais, promovendo un ciclo económico sostible e cun impacto directo na contorna municipal, outorgando máis posibilidades de crecemento ó emprendedor local.
  3. Unha liña de produción de proximidade, coa que se pode garantir non só a calidade dos produtos, senón tamén a sustentabilidade de todo o proceso produtivo. A compra no mercado municipal permite contar con liñas de abastecemento máis adaptadas no tempo.
  4. Dinamiza a vida socioeconómica da zona, promovendo o contacto entre veciños e a revitalización dos espazos. En última instancia, a compra no mercado municipal permite falar dunha paulatina creación de comunidade, aumentando a calidade de vida en Ares.
  5. Proporciona bens e servizos máis exclusivos, que non se atopan noutros espazos ou tendas e que, polo tanto, presentan un alto valor engadido. O grao de especialización aumenta na compra local.

Campañas de dinamización do consumo de proximidade

O Concello de Ares vén realizando nos últimos anos un proceso múltiple no mercado municipal; a planificación non se centra só na recuperación urbanística do espazo, senón tamén na dinamización dun ciclo socioeconómico que aumente a vitalidade e o sentimento de comunidade.

Así, o Concello organizou tanto na anualidade 2020 coma no 2021 a campaña “MercaAres”, de apoio ao pequeno comercio e á hostalería de Ares co sorteo dun conxunto de vales para a compra local; o investimento neste MercaAres alcanzou unha cifra próxima aos 6.000 euros en premios, fronte ós 4.500 do pasado ano, que axudan a solidificar a relación entre veciñanza, institución local e tecido comercial de Ares.

De igual maneira, o Concello tamén participou tanto en 2015 coma no 2016 na campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Xunta de Galicia, e axudou á dinamización dos mercados municipais galegos; estas iniciativas serviron coma base de traballo para a actual planificación económica, potenciando as compras do produto local e enxalzando a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

O-valor-do-noso-mercado_3

Dentro de “Quere o teu mercado”, a Banda de Gaitas de Ares amenizou a xornada de compra á veciñanza que se achegou ó mercado, proporcionando tamén material promocional da campaña.

Últimas actuacións de recuperación e adaptación de postos municipais

Da man destas campañas de dinamización e promoción socioeconómicas, o Concello de Ares tamén iniciou un proceso de rehabilitación e reforma integral do mercado municipal. Neste sentido, a última intervención realizada centrouse no acondicionamento, mellora e adaptación á normativa sanitaria do mercado municipal, por un importe de 49.008,61 euros en dúas anualidades (2020-2021), financiada nun 80 % por AGADER a través do financiamento da Unión Europea (FEADER).

Esta actuación, en consonancia coa liña de mellora e conservación da propia cultura tradicional do mercado de proximidade, reformou a zona da pescadería para optimizar a súa funcionalidade e eficiencia enerxética, adaptándoa tamén á normativa sanitaria vixente.

A maiores, acometeuse a dotación dunha porta de apertura automática no mercado, de cara a mellorar a súa accesibilidade, e tamén unha dotación de porta de vidro templado co mesmo fin, potenciando a entrada de luz natural. As obras permitiron mellorar notablemente o mercado de abastos e aumentar a calidade dos servizos que se ofertan na actualidade, promovendo a maior profesionalidade posible dos praceiros/as.

Non obstante, as intervencións e actividades promovidas polo Concello, coma ente municipal implicado na xestión do mercado, continuarán ao longo de próximas anualidades, tanto no seu eido arquitectónico coma social e cultural; contemplaranse posibles propostas futuras de difusión e promoción deste espazo clave no desenvolvemento de ciclos económicos sostibles e dun sentimento colectivo de comunidade.